En marcha a votación para elixir os mellores programas de software libre en 2011

mércores, 7 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O certame convocado por Portalprogramas.com para elixir, a través das valoracións dos usuarios, o mellor da programación aberta a longo deste ano 2011 que xa enfía a recta final, vén de entrar en período de votacións. A intención dos organizadores con esta terceira edición do certame, segundo nos fan saber, é premiar “o gran traballo que se está a desenvolver dende unha manchea de proxectos de software libre pouco recoñecidos pero que contribúen en boa medida á mellora da tecnoloxía actual”. Nesta liña insírense programas “esenciais” para impulsar a Rede, como por exemplo jQuery, Nginx, WebKit, ou para impulsar o acceso á Rede, como Nagios ou Munin. Entre as aplicacións gañadoras desta nova entrega, que vén con cinco candidaturas novas, repartiranse un total de 1.400 euros.
O gran obxectivo deste concurso é pór de manifesto o importante papel que está a xogar a programación aberta nos nosos días, modalidade de software na que, xeralmente por motivos de promoción (xeralmente non se manexan grandes orzamentos que poidan permitir máis presenza nos medios), non se fai todo o fincapé que merece. Así nolo explican, precisamente, dende PortalProgramas: “Todos coñecemos os programas libres máis populares como Ares, eMule, OpenOffice, pero detrás de moitos dos avances tecnolóxicos actuais emprégase software libre, programas que moitas veces pasan desapercibidos e que non teñen recoñecemento, pero que, porén, son imprescindíbeis para a tecnoloxía”. Con este motivo e co obxecto de reforzar esta tarefa de darlle visibilidade ao labor dos deseñadores libres, convocáronse cinco novas candidaturas: esenciais para a tecnoloxía, esenciais para a web, esenciais para a comunicación, esenciais para redes de comunicación e esenciais para as empresas. A isto hai que engadir as modalidades xa existentes: software libre máis popular, software libre máis revolucionario e software con meirande potencial de crecemento.

PUBLICIDADE