En marcha (até o xoves) as cuartas Xornadas de Videoxogo e Literatura
martes, 8 de outubro do 2024
Este martes 8 de outubro inaugurouse no MARCO de Vigo a cuarta edición das Xornadas de Videoxogo e Literatura organizadas pola Fundación Carlos Casares (co patrocinio do Concello, a Deputación e a Consellería de Cultura) que acollerá a cidade de Vigo ata este xoves 10. O obxectivo será novamente “explorar as relacións entre o sector do videoxogo coa literatura e outras expresións culturais”.
O programa inclúe novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (tradución, creación de contidos, creación indie, mangas, proxectos educativos e formativos, etc.), unha clase maxistral sobre deseño de narrativas, experiencias profesionais, etc.
As xornadas serán presentadas por Bruno Doiro, e entre os profesionais participantes estarán: Antonio Gil, Adrián Suárez, Ángel Luis Sucasas, Beatriz Legerén, Leticia Costas, Miguel Ángel Cajigal (El Barroquista), Lara Portela, Juan Luis Lorenzo, Carlos Rodas, Sara Romero, etc.
Engadir que este ano colaborará no encontro a Asociación RetroGalaicos, centrada na recuperación de hardware e videoxogos retro. Baixo o título BIT a BIT. A evolución dos videoxogos!, a entidade desenvolverá entre os días 8 e 12 de outubro unha exposición sobre videoxogos dos 8 aos 64 bits, as consolas que moldearon esas xeracións, e obradoiros para escolares e familiares o sábado, para achegarse á evolución do lecer interactivo dos videoxogos retro.
Na inauguración participou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, sinalando que as xornadas “van proporcionar unha interesante perspectiva da relación entre videoxogos e literatura e, sen dúbida, van ser toda unha fonte de inspiración para todos nós”.