En marcha a segunda aceleradora de comercio da Deputación de Pontevedra

venres, 11 de xuño do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da rede de capacitación tecnolóxica SmartPEME, puxo en marcha a segunda edición da súa Aceleradora de Comercio, que arrinca con dez empresas da provincia. Formaranse durante catro meses en competitividade, imaxe dixital, canvas, comercio en liña, sustentabilidade, redes sociais e finanzas.
Son un total de dez empresas dos concellos de Pontevedra (3), Lalín (2), Crecente, Meaño, Silleda, Vigo e Vilagarcía de Arousa. En concreto, recibirán coñecementos e técnicas para mellorar a planificación e desenvolvemento dos seus proxectos, lanzar as súas tendas en liña, crear as súas propias webs ou mellorar o posicionamento. Tamén serán formadas para poder incrementar as vendas e rentabilidade, afondar na promoción en redes sociais, na mercadotecnia dixital e no branding, así como coñecer as técnicas para o estudo de datos estatísticos, establecer mecanismos para diferenciarse da competencia, procurar clientes potenciais e coñecer as ferramentas dispoñíbeis para impulsar a súa dixitalización.
As firmas seleccionadas de Pontevedra son María de los Ángeles Vázquez, dedicada á venda de roupa de deseño de muller; Mimobooks (de Goretti Cabido), venda de libros acolchados, camisetas e tote bags; e Cibertopia (de Fermín González), que comercializa servizos tecnolóxicos.
Pola súa banda de Lalín foron seleccionadas Namaskar (Cristina Barreiro), venda de produtos e preparados herbais; e Mel e Canela (Raquel Fernández), comercio de produtos ecolóxicos e locais a granel.
De Crecente participa Trees (Mar Penela), deseña lugares para que estean máis conectados coa natureza; de Meaño Produhostel (Mónica Silva), dedicada á distribución de produtos para a hostalaría e a industria; de Silleda Herbolario BIO (José Alberto López), proxecto de venda de produtos de cosmética bio; de Vigo AK (Antonina Kadyrova), tenda en liña de produtos de marroquinería feita a man; e de Vilagarcía de Arousa Arual Ecology (Laura Carro), marca de roupa sustentábel que emprega tecidos ecolóxicos ou reciclados.
Todas as empresas foron valoradas polo seu grao de innovación, o seu carácter tecnolóxico, o seu alto potencial de crecemento e o feito de ser proxectos ligados ao comercio en fase temperá de desenvolvemento.
A aceleradora de comercio da Deputación de Pontevedra, que arranca deste xeito a súa segunda edición, ten por obxectivo optimizar a competitividade e eficiencia das empresas a través de formación e asesoramentos específicos. Na súa primeira edición Comercial Limeres (Pontevedra), Blaurtopías (Vigo), Tipi Fiestas Galicia (Nigrán), Broderie (Ponteareas), Foodies and travellers (Vigo), Infusiónate (Lalín), SS3 Professional (Mos) e Tamerlán (Vigo).

PUBLICIDADE