En marcha dende Santiago unha plataforma cidadá e solidaria para enviar axuda ás familias de Venezuela
venres, 3 de xullo do 2026
A Rede pode ser cuestionada en ocasións, principalmente polos malos usos que facemos dela, pero non hai dúbida de que a solidariedade do noso tempo non se entende xa sen o apoio da Internet. Así o entende o grupo de voluntarios venezolanos residentes en Santiago de Compostela que vén de pór en marcha a plataforma Conecta Venezuela, unha ferramenta cidadá, solidaria e sen ánimo de lucro que busca facilitar o acceso directo a produtos de primeira necesidade para familias e hospitais afectados polo terremoto no país caribeño.
A ferramenta Conecta Venezuela foi creada e desenvolvida por Fran Fialli, nacido en Venezuela, fillo de pai galego e nai venezolana, e residente en Santiago de Compostela desde hai 25 anos. De feito, unha parte da súa familia materna vive actualmente a emerxencia en Venezuela, o que lle permitiu coñecer de primeira man as necesidades que estaban a xurdir e desenvolver unha ferramenta que facilita a chegada de axuda directa.
A iniciativa xorde ante unha realidade moi concreta: moitas persoas teñen dificultades para acceder a produtos tan básicos como auga, alimentos, comida para bebés, cueiros ou medicinas. O obxectivo, sinala, “é sumar esforzos e complementar o labor que xa realizan as organizacións humanitarias, contribuíndo a que a axuda chegue dunha forma máis áxil a quen a necesita”.
O funcionamento é o seguinte: as familias publican en conectavenezuela.es o que necesitan e calquera persoa que queira colaborar, tanto desde dentro como fóra do país, pode mercar eses produtos en supermercados e comercios locais utilizando as aplicacións de reparto dispoñibles alá. O servizo de delivery do comercio realiza a entrega directamente ao destinatario no punto de encontro e, unha vez recibida, a familia publica na plataforma unha fotografía da entrega para verificar que a axuda chegou correctamente.
Conecta Venezuela non recibe doazóns, non xestiona pagos nin recada fondos. “Conectamos a axuda e verificamos a súa entrega”, sinalan, engadindo que a plataforma incorpora un módulo para coordinar en tempo real o inventario dos centros de provisión e unha rede de voluntariado remoto, dentro e fóra de Venezuela, para quen queira achegar tempo, talento ou apoio profesional.
O contexto e os porqués
Dous terremotos de magnitude 7,5 e 7,2 sacudiron o norte de Venezuela o 24 de xuño de 2026, causando a maior catástrofe natural da historia recente do país. Máis de 12.700 familias perderon os seus fogares, 38 hospitais sufriron danos estruturais e a infraestrutura básica en varias rexións está severamente comprometida.
Ante esta situación, a diáspora venezolana en Galicia, impulsada por Fran Fialli, puxo en marcha a dita plataforma dixital, que, como dixemos, permite que calquera persoa, desde calquera país, poida responder a unha necesidade concreta de forma directa: chegando exactamente á familia, hospital ou institución que o rexistrou. Auga, medicamentos, cueiros, alimentos, material de hixiene: o abano de produtos é amplo.
“Conecta Venezuela une ás familias afectadas polo terremoto con persoas de todo o mundo dispostas a axudar: as familias publican o que necesitan (alimentos básicos, auga potable, medicamentos, lanternas, produtos de hixiene) e quen queira axudar pode compralo directamente para que chegue a quen o necesita”, sinala Fran.
