En marcha dende o Campus de Ourense unha aula virtual para practicar o mindfulness

mércores, 20 de maio do 2020 S. P.

O Campus de Ourense (Universidade de Vigo) acolleu a posta en marcha dunha Aula Virtual de Mindfulness para traballar as consecuencias da COVID-19. Trátase dunha iniciativa do profesor Stuart McNicholls (Facultade de Ciencias da Educación) que se centra, como dixemos, nas metodoloxías e posibilidades da práctica da conciencia plena. A través desta iniciativa achegaranse recursos prácticos para afrontar, “con presencia e compaixón”, as próximas fases de desescalada do confinamento, “abordando con obradoiros as consecuencias individuais e colectivas da crise sanitaria”.
O mindfulness, detalla Stuart McNicholls, é unha disciplina relacionada co benestar integral que está en auxe dende hai máis de tres décadas, cada vez en máis campos, empezando polo ámbito da saúde física, logo no da saúde mental ata estenderse ao campo da educación.
A aula virtual, que conta co apoio da Área de Actividades Culturais do Campus de Ourense, consistirá nunha clase semanal gratuíta os mércores de 19.00 h a 20.00 h, comezando este mércores, día 20 de maio, e prolongándose ata finais de xullo. A estrutura básica de cada sesión, que se desenvolverá a través da plataforma Zoom, consta dunha breve práctica silenciosa inicial, unha introdución á practica principal da semana, unha práctica guiada en grupo grande de arredor de 20 minutos, unha ronda aberta de intervencións e/ou preguntas, unha práctica de meditación social en grupos pequenos de arredor de 15-20 minutos e unha breve práctica silenciosa final.

PUBLICIDADE