En marcha o Portal da Investigación da USC

martes, 13 de abril do 2021 S. P.

A Universidade de Santiago vén de pór en marcha o seu Portal da Investigación, logo dun período de probas de dous meses, co obxectivo de difundir, dar visibilidade e transferir á sociedade os resultados das actividades de investigación dos seus campus (o compostelán e o lucense).
Segundo fai saber a USC, este novo espazo facilita o acceso ás publicacións e datos de I+D, contribuíndo aos obxectivos da ciencia aberta, ao tempo que establece “unha relación entre o financiamento e os seus resultados, realizando un exercicio de transparencia ao tempo que mellora a visibilidade e o impacto da institución”.
A páxina permite explorar o persoal investigador nas unidades organizativas definidas pola USC ou facer unha procura específica na caixa de busca. Ademais, achega a posibilidade de explorar os diferentes grupos que integran o tecido investigador da Universidade.
Por outra banda, estará decote sometido a actualizacións cos contidos das publicacións procedentes de Dialnet, incluíndo as súas métricas, e semanalmente cos datos de Scopus.
No futuro, prevese a incorporación das publicacións da Web of Science (WoS).
Asemade, o portal renóvase a diario coas actividades que consten nas bases de datos do Vicerreitorado de Investigación e Innovación.
“Deste xeito, o novo espazo presenta os resultados globais da institución, con diversos apartados dedicados a publicacións, teses doutorais, colaboracións con outros centros ou patentes, entre outros aspectos”, engadiu a USC.

PUBLICIDADE