En marcha o Portal da Investigación da Universidade da Coruña
venres, 16 de febreiro do 2024
A Universidade da Coruña activou este 15 de febreiro, o Portal da Investigación da UDC, un novo sitio web onde se pode consultar toda a produción científica e as métricas dos seus centros singulares, grupos de investigación e persoas investigadoras. A UDC fixo fincapé en que o acceso a estes contidos fose “mediante unha interface de fácil uso”.
Segundo engade a institución, o obxectivo do portal é “mellorar a visibilidade e a transparencia da actividade investigadora da UDC” e “ser unha ferramenta útil para o persoal investigador e as unidades de xestión da investigación, que non terán a necesidade de cargar a información, posto que o sitio web se nutre directamente de bases de datos científicas xa existentes”.
A UDC fai saber o portal recolle na súa posta en marcha a totalidade do persoal docente e investigador activo da UDC e aliméntase coas publicacións existentes en Dialnet, Scopus e Web of Science (WoS). “A actualización da información realizarase de forma automática periodicamente, permitindo acceder aos datos máis recentes de forma sinxela”, explica a institución, engadindo que as buscas poden filtrarse por centro, grupo ou investigador ou investigadora individual, “o que facilita ao usuario explorar na estrutura universitaria, localizar persoas expertas en diversas disciplinas, acceder ás súas publicacións e consultar indicadores bibliométricos a nivel individual, colectivo e institucional”.
O portal é de libre acceso para o público en xeral, porén, para visualizar algúns dos indicadores e dispoñer doutras opcións, como o acceso aos textos completos dos documentos, cómpre ser membro da comunidade universitaria. O único requisito, neste caso, será identificarse co usuario e contrasinal se se quere ter opción tamén a estes recursos.
Ademais, aos investigadores e investigadoras permitiralles descargar o seus currículos e informes co impacto normalizado das súas publicacións, así como xestionar os seus perfís de investigadores/as.
O proxecto deste novo portal da investigación nace da colaboración entre o Servizo de Biblioteca, o Servizo de Informática e Comunicación e o Servizo de Investigación da UDC e conta cunha axuda María de Guzmán da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).