En marcha o Xeopadrón da provincia de Lugo

venres, 27 de xuño do 2025 Redacción

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, deu a benvida esta mañá aos representantes dos 67 concellos da provincia que asistiron á xornada técnica organizada pola institución provincial para iniciar o Xeopadrón, o programa de dixitalización da información municipal. A sesión desenvolveuse no Salón de Actos do Pazo de San Marcos e contou coa intervención dos responsables da empresa adxudicataria, Espúblico, quen detallaron o alcance das primeiras actuacións desta iniciativa, na que a Deputación inviste un total de 1,3 millóns de euros.
Máis de 50 persoas, entre alcaldes, alcaldesas, tenentes de alcalde e persoal técnico municipal, participaron nesta sesión, un dato que, segundo destacou a Deputación, reflicte o compromiso dos concellos co avance tecnolóxico e a modernización da administración local.
Tomé Roca subliñou que esta nova ferramenta da Deputación está deseñada para impulsar a modernización da administración municipal, e salientou que «dispor dun padrón actualizado, rigoroso e vinculado ao territorio é esencial para planificar con acerto, xestionar con eficiencia e tomar decisións ben fundamentadas». Con Xeopadrón, explicou, búscase mellorar a calidade dos datos do padrón, depuralos e ligalos cunha base de datos xeorreferenciada de fogares e vivendas, como paso previo ao futuro Padrón Online que desenvolve o INE a nivel estatal.
O Presidente agradeceu a implicación dos rexedores e rexedoras que decidiron sumarse voluntariamente a este proxecto, financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea. «Desde 2019 conseguimos máis de 18 millóns de euros en fondos europeos, cos que estamos transformando servizos e infraestruturas nos concellos da provincia», lembrou.
Tamén indicou que Espúblico, empresa á que se lle adxudicaron os primeiros traballos por un importe de 415.811,66 euros, aproveitou a xornada para detallar o proceso de implantación, o contraste de datos e a súa integración cos sistemas municipais existentes.
«Entendemos Xeopadrón como unha peza máis da nosa estratexia de apoio aos concellos, unha estratexia firme, constante e transversal», afirmou o presidente provincial, quen puxo como exemplo outras accións como o programa Impulsa TIC, co que se está a dixitalizar administracións e modernizar equipamentos. «Agora seguimos por ese camiño, centrados na calidade da información e na eficacia na xestión», engadiu.
Rematou a súa intervención expresando o compromiso da Deputación de traballar con rigor, coordinación e un obxectivo compartido: ofrecer aos concellos ferramentas máis modernas e útiles para dar un mellor servizo á cidadanía. «Cando os concellos avanzan, avanza a provincia de Lugo», concluíu.
Na xornada tamén participaron Marcos Vázquez Rodríguez, xerente de grandes contas de Espúblico; Pepa García Pérez, xefa do proxecto; e Cristina Gimeno García, responsable de produto de I+D.