En marcha o cuarto espazo de coworking de Celanova e Terras da Limia

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

O coworking de Celanova nunha imaxe de La Región

A EOI (Escola de Organización Industrial) e o IGAPE veñen de pór en marcha, co novo ano, a cuarta edición do espazo de traballo colaborativo (coworking) de Celanova e Terras da Limia. A iniciativa, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, o Ministerio de Industria e o IGAPE, abranguerá sete meses de actividade: dende este mes de xaneiro até xullo deste mesmo ano. Contará con diferentes tipos de accións capacitadoras para axudar a converter os proxectos dos participantes en realidades innovadoras de mercado: obradoiros sobre metodoloxías áxiles, sobre micromecenado, sobre estratexias de comunicacións en redes sociais, sobre creatividade e innovación ou sobre mercadotecnia dixital.
Tamén haberá seccións de formación en grupos dirixidas exclusivamente aos participantes do coworking e nas que se traballará con materias específicas para o impulso e despegue dos proxectos do espazo de innovación colaborativa de Celanova e Terras da Limia. Tamén se traballará con recursos financeiros para emprendedores, habilidades de comunicación, xestión do talento, etc.
A maiores, achegarase un servizo de asesoramento (mentoring) por parte de expertos e centrado en acompañar ás emprendedoras e emprendedores no deseño de modelo de negocio e na posta en marcha e optimización do proxecto, “dando resposta ás necesidades que xurdan no camiño”.
Amais, celebraranse actividades encamiñadas a potenciar o networking e compartir boas prácticas empresariais, contando coa experiencia doutros emprendedores/expertos e empresarios. Asistencia de acceso libre. Como peche á edición celebrarase unha xornada de demostración (Demo Day) durante a cal presentaranse os proxectos participantes no espazo de coworking, a súa evolución e as posibilidades de colaboración cos mesmos.
Estímanse en 22 as emprendedoras e emprendendores que poderán participar nesta convocatoria.

PUBLICIDADE