En marcha o programa de recuperación de excelencia Neotec para firmas de base tecnolóxica
xoves, 14 de agosto do 2025
A Xunta publicou a convocatoria do programa recuperación da excelencia Neotec, dirixida ás empresas de base tecnolóxica que superaron os limiares da convocatoria Neotec do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) pero quedaron fóra das axudas por insuficiencia de crédito da convocatoria estatal.
A Consellería de Educación e Ciencia destina a esta liña de acción 3millóns de euros, cos que prevé mobilizar 5millóns de euros e contribuír ao financiamento dunha decena de proxectos e á creación de, aproximadamente, 100 novos postos de traballo.
Con estas axudas, que se poderán solicitar desde o 22 de agosto ata o 22 de setembro, o Goberno galego quere “promover o crecemento das mellores empresas de alicerce tecnolóxico na nosa comunidade, apoiando aqueles proxectos que se teñen constituído desde os seus inicios no noso territorio”.
Poderán beneficiarse delas as pequenas empresas de base tecnolóxica, con sede social e centro de traballo principal en Galicia.
Desde 2021 apoiáronse 28 iniciativas a través desta convocatoria, cun investimento de máis de 7millóns de euros. “O impacto en termos de emprego das iniciativas apoiadas por este programa é moi significativo e, en total, son máis de 300 os empregados financiados a través dos proxectos desta convocatoria dende a súa posta en marcha”, informou a Consellería.
Ao abeiro desta convocatoria financiarase a posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxías ou coñecementos desenvolvidos a partir da actividade investigadora e nos que a estratexia de negocio se base no desenvolvemento de tecnoloxía. Prímase a incorporación de persoas con grao de doutor á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.
As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico ou sectorial, sempre que estean aliñados cos retos, prioridades e ámbitos de priorización da Estratexia de Especialización de Galicia (RIS3).
Como novidade este ano, a convocatoria é en réxime de concorrencia non competitiva, polo que non haberá un proceso de avaliación dos proxectos e as subvencións concederanse por orde de entrada, e simplifícase a xustificación requirindo unha única xustificación ao remate do proxecto.
Os gastos subvencionables abranguen o persoal, investimento en equipos, materiais, asesoría, colaboracións externas, alugueiros, subministracións, canons e licenzas, gastos de solicitude e mantemento de patentes e outros dereitos de propiedade industrial, seguros e gastos de promoción e difusión, entre outros.
Poderase financiar ata o 60 % do orzamento elixible do proxecto, cun importe máximo de 250.000 euros por entidade beneficiaria. Ademais, para aquelas actuacións que inclúan a contratación laboral de polo menos un doutor, poderase acadar un importe máximo de subvención de 325.000 euros. As iniciativas deberán ter un orzamento financiable mínimo de 175.000 euros.
