En marcha os obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas

martes, 1 de xullo do 2025 Redacción

A AMTEGA impulsa este verán un novo ciclo de obradoiros Girl STEAM, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co fin de dar visibilidade ao papel das mulleres no ámbito tecnolóxico e ás referentes neste eido, promovendo así unha maior presenza feminina nas carreiras STEAM.
As actividades desenvolveranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de 28 obradoiros prácticos e presenciais nas aulas da Rede CeMIT. Ademais, celebraranse dous obradoiros adicionais no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura. O primeiro deles terá lugar mañá, 2 de xullo, na aula do concello ourensán de Leiro.
Cada concello acollerá dúas quendas diferenciadas por idade: unha para nenos e nenas de entre 9 e 11 anos, e outra para participantes de entre 12 e 16 anos, cun máximo de 15 prazas por quenda.

Contidos dos obradoiros

Durante as sesións, os participantes crearán autómatas de cartón que funcionarán mediante un motor programable, empregando un kit de robótica. Tamén elaborarán unha escenografía móbil dentro dunha caixa de sombras e gravarán un vídeo que incluirá os autómatas desenvolvidos na primeira actividade.

Fomento da participación feminina nos ámbitos STEAM

A iniciativa busca promover as vocacións tecnolóxicas entre as rapazas desde idades temperás, estimulando o seu interese e reforzando a súa confianza para emprender estudos vinculados á Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas (STEAM), así como para apostar por carreiras profesionais relacionadas co sector TIC.
Durante os obradoiros tamén se pretende transmitir valores e enfoques transversais como a igualdade, o pensamento crítico fronte á tecnoloxía, o seu uso creativo, a colaboración, o traballo en equipo e o papel das artes como ferramenta de desenvolvemento persoal e colectivo.
Esta actividade forma parte do convenio anual de colaboración entre a AMTEGA e o CPETIG, cuxo obxectivo é fomentar o talento no eido das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas na mocidade.