En marcha un concurso en liña para elixir a mellor praia do Morrazo

xoves, 21 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

JPEG - 85.5 KB
A praia de Viño, en Cangas, fotografada por Txo para a Galipedia

As novas redes teñen unha serie de vantaxes, algunhas á vista e outras non tanto. Entre as que mellor nos entran polo ollo e máis repercusión provocan están as que nos poñen preto da verdade dunha cousa. Por exemplo, quen máis quen menos entrou nunha comunidade de cinema, tipo Filmaffinity ou IMDB, para ver as opinións dos internautas sobre un filme, opinións coas que logo se fai unha nota media que, coas súas eivas, pode ser o máis semellante a unha cualificación real que podemos acadar. Este espírito de convocar a moita xente para salientar algo é o que move á Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo para elixir, coa axuda do Facebook, o máis salientábel da zona. Máis polo miúdo, a praia dos nosos soños. E atención que hai premios!
Podémolo ver no espazo de Facebook Vive O Morrazo, onde se nos dan a coñecer, en todo detalle, os meirandes atractivos da bisbarra pontevedresa en materia de natureza, hostalería, cultura, comercio e servizos. Pero a cousa, como dixemos, vai alén dunha simple presentación de virtudes. Ao abeiro deste espazo en liña, de feito, púxose en marcha o pasado 15 de xullo unha aplicación que, baixo o epígrafe A praia dos teus soños agárdate no Morrazo, permite desenvolver un concurso de gran interese nestes días de verán: a elección colectiva e multitudinaria do mellor areal da zona.
A comarca, tal e como sabe calquera persoa que a visitase, entrando polo norte (Marín, Bueu, Aldán) ou polo sur (Cangas, Moaña), ten praias de abondo como para ir facendo un certame do máis interesante. De feito, dá acubillo a 14 bandeiras azuis. O espazo en Facebook Vive o Morrazo, por certo, xa conta mentres se escribía este artigo con máis de 800 seareiros, número que se incrementará, de seguro, a medida que o concurso avance e que se saiba que, só por colaborar, xa hai recompensa.
Entre os participantes serán sorteados importantes premios, só polo feito de achegar o voto. Damos conta deles:
- A primeira semana sortearase unha cea no Morrazo para dúas persoas nun restaurante asociado á federación.
- A segunda semana, un circuíto termal máis tratamento para dúas persoas no Thalaso Tessal Moaña.
- E como premio final entre todos os que votaron nas tres semanas de concurso: unha estancia de fin de semana nun establecemento do sector de aloxamentos asociado para dúas persoas máis vales compra.

A orixe da páxina

A páxina de fans Vive O Morrazo é unha iniciativa que nace da man da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – FECIMO-, para compartir coa comunidade usuaria de Facebook o comercio local, a hostalaría e a pequena e mediana empresa en xeral, a cultura, a gastronomía, en fin, todo aquilo “que fai especial a terra que nos acolle”, sinala a entidade responsábel da iniciativa. Trátase dun espazo creado para servir de guía e referencia a tódolos/as morracenses e visitantes, onde coñecer os eventos, promocións, festas e concursos que se levan a cabo no contorno e participar activamente na xeración de contidos e mellora dos mesmos.

PUBLICIDADE