En marcha un curso avanzado para incorporarmos os drones ao noso agro

mércores, 6 de setembro do 2017 Redacción

A firma lucense Proyestegal está a organizar unha actividade formativa directamente encamiñada a informar e formar aos nosos profesionais do agro no emprego aplicado de vehículos aéreos non tripulados. O Curso de uso de drones en gandería e agricultura celebrase en diferentes localidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Virá acompañado de accións demostrativas sobre o emprego destes aparellos no millo, nos viñedos, no control e produción de carne, nos cultivos de grelo e na protección e rendibilidade de áreas da Rede Natura.
Proyestegal sinala que os cursos (co-financiados pola Consellería de Medio Rural) teñen o obxectivo de aumentar a produtividade e eficiencia das explotacións. Segundo informa o Concello de Vedra, un dos municipios sumados á iniciativa, “co uso dos drones é posíbel facer un seguimento e control de cultivos, superficies, seguir o medre da planta, e así mellorar o manexo agronómico incidindo no uso eficiente de recursos como o solo, auga, optimizar rendementos e reducir o impacto da nosa actividade sobre o medio ambiente”.
Nas accións formativas propostas por Proyestegal tentarase demostrar como coa axuda dun único drone é posíbel facer seguimento de centos de hectáreas de maneira precisa, avaliando as condicións do terreo e co obxectivo de recoller información sobre elementos como o nivel de humidade, a temperatura ou o ritmo de crecemento dos cultivos. A empresa tamén recorda que entre as funcións máis importantes destes vehículos aéreos non tripulados e das tecnoloxías dixitais de comunicación que os acompañan atópase a de previr e evitar as pragas nos cultivos. Ademais, os aparellos de voo poden enviar fotos e vídeos en tempo real, serven de espantallos e manteñen afastadas as aves.
Para o Concello de Vedra, está claro que tamén poden contribuír en certa medida a introducir metodoloxías de traballo innovadoras, abrir nichos laborais e loitar contra o despoboamento do rural. “A incorporación de xente moza a agricultura é unha prioridade polo cal o uso drones pode facilitar a man de obra e pode ser unha vía máis de atraer xente nova ó campo, vinculando a actividade produtiva da agricultura cunha actividade máis rendible co uso de novas tecnoloxías”.
O curso inclúe 20 horas de contidos en catro xornadas de cinco horas. Está dirixido a agricultores e futuros agricultores de Galicia.

PUBLICIDADE