En marcha unha campaña en Kukumiku para devolver un monte de Lousame ao bosque galego
luns, 8 de xaneiro do 2018
Pode o micromecenado e o activismo en liña enfiar
a reparación definitiva dos nosos montes? Se atendemos ao que nos
conta as asociacións Verdegaia e Coluna Sanfíns, non é só que
poidan, é que tamén é factíbel abrir a vía para que outras
contornas con semellantes problemas, sexan quen de facelo. Segundo a
organización, a resposta ao problema da eucaliptización, dos lumes
e da perda de diversidade, estaría en boa medida na fórmula do
crowdfunding. Para demostralo e para mostrar como se pode
recuperar un monte en concreto (o monte de Froxán, en Lousame, A
Coruña) veñen
de pór en marcha na plataforma Kukumiku (crowdfunding
solidario) unha campaña para amadriñarmos árbores ou fanegas
enteiras (2.100 m2). A iniciativa arrancou a semana pasada e xa
ten recadados 3.150 euros (este luns 8 de xaneiro). Ademais, recibiu
máis dun centenar de doazóns, a case tres semanas para o remate da
campaña.
Como dixemos, do que se trata é de amadriñar
árbores no devandito monte de Froxán, distinguido en 2017 por ser o
primeiro en todo o Estado español a ser incluído no rexistro das
Nacións Unidas de Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e
Comunidades Locais. Coas achegas recibidas por Internet as entidades
promotoras (Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfíns e a comunidade de
montes local) queren transformar un total de 10 hectáreas dese
monte, actualmente inzadas de masas de eucaliptos, nun bosque de
frondosas autóctonas. En palabras de Iolanda Mato, unha das
coordinadoras do proxecto, isto impedirá no futuro “o avance de
lumes, garantirá o regulación hídrica e restaurará a
biodiversidade actualmente degradada pola expansión de especies
exóticas”.
Segundo engaden as comunidades impulsoras da
iniciativa, de acadarse o obxectivo óptimo de financiamento,
plantaranse máis de 13.000 árbores, sobre todo a través do
programa de voluntariado Montescola, que implica as nosas crianzas no
coñecemento, na restauración e na posta en valor do monte veciñal
(Montescola xa mobilizou en 2017 máis de 300 escolares galegos
acompañados das súas familias e docentes).
As comunidades tamén sinalan que as achegas
realizadas a través da Fundación Kukumiku son deducíbeis en
Facenda e permiten aínda participar en varios sorteos, incluíndo o
dunha noite para dúas persoas nunha casa rural ou de varios
exemplares da Guía para o descenso enerxético, unha
publicación en defensa do monte comunal como “fundamento para o
futuro do país”. Desde as entidades promotoras salientan que o
resultado final desta iniciativa será “un bosque único, froito da
participación cidadá” e convidan a todo o mundo a facer parte e
axudar na súa difusión nas redes sociais e no “boca-a-boca”.