En marcha unha comunidade formada arredor das máquinas virtuais Java, CoruñaJUG

luns, 16 de abril do 2018 Redacción

A nosa terra conta cunha nova comunidade técnica que ten como obxectivo facer colaboración e xuntar forzas arredor das linguaxes que se executan na JVM, as siglas que en inglés designan á Máquina Virtual de Java, que engloba linguaxes como Java, Groovy, Scala ou Kotlin, entre outros, e que teñen a característica común de impulsar aplicacións avanzadas que simulan ser unha computadora (co seu conxunto propio de instrucións, o seu manexo de memoria de seu, o seu propio hardware).
Entre as vantaxes principais do concepto JVM figuran a carrexabilidade do software, meirandes facilidades no manexo de programas, creación e dispoñibilidade de grandes e completas librarías, etc.
A nova comunidade técnica chámase CoruñaJUG e busca compartir experiencias e coñecemento arredor de JVM. Ten o apoio do Concello a través de Coruña Dixital, que facilitar que os integrantes do colectivo dispoñan do espazo Accede Papagaio para as súas actividades.
Estas actividades, nun principio, serán citas con periodicidade mensual a xeito de meetups, a celebrar o terceiro mércores de cada mes. As xuntanzas ábrense este 18 de abril cunha primeira sesión dedicada a Elastic stack: desde obtención e datos ata visualización e análise. Ademais, este mes tamén hai prevista unha segunda sesión, neste caso virtual, o día 28, que tamén conta xa co seu meetup.
Segundo lembran dende Coruña Dixital, CoruñaJUG dispón dun slack ao que podemos acceder en liña, así como unha páxina en Meetup e unha conta no Twitter dende a que podemos estar a tanto das súas actividades.

PUBLICIDADE