En marcha unha comunidade galega para impulsar a revolucionaria tecnoloxía SDR

xoves, 20 de setembro do 2018 Fernando Sarasketa

O centro AtlantTIC e o CINAE (Centro Galego de Innovación Aeroespacial), amais de A Industriosa, están a impulsar unha comunidade para promover a tecnoloxía de Radio Definida por Software (SDR polas súas siglas en inglés), un sistema de comunicación que naceu vencellado aos ámbitos militar e de investigación pero que nos últimos tempos gañou terreo en ámbitos comerciais en relevantes colectivos de seareiros, que atopan rendementos importantes na súa flexibilidade e nas súas facilidades de uso (ao seren radios definidas por software).
Parte do traballo da comunidade impulsada por AtlantTIC e o CINAE baséase en impulsar o SDR con vistas a achegar azos a outras tecnoloxías: por exemplo as redes 5G, a Internet das Cousas (IoT) ou as redes de sensores.
O proxecto das ditas entidades, subvencionado polo programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, ten como obxectivo “dar a coñecer esta tecnoloxía a estudantes de enxeñaría e outros interesados”. A finalidade última é fomentar a “creación dunha comunidade de persoas que se manteña no tempo aprendendo de xeito colaborativo e realizando proxectos en común usando esta tecnoloxía”, explica Anxo Tato, un dos enxeñeiros comprometidos con esta iniciativa.
A primeira das actividades que abrollan do proxecto foi un relatorio que tivo lugar este mércores na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, impartido do enxeñeiro Iago Gómez, responsábel da área de UAS de Gradiant, que fixo unha introdución ás plataformas SDR e á súa aplicación na industria, salientando a conveniencia de “implicar neste proxecto ao alumnado e ao profesorado”, xa que a través da tecnoloxía SDR “tamén se reforzan os coñecemento adquiridos no grao en eido como o proceso do sinal”.
Os investigadores sinalan que o SDR é un sistema de telecomunicacións onde gran parte das funcións de procesamento dos sinais transmitidos e recibidos execútanse sobre un procesador, de aí o nome de software defined. A clave deste sistema, explica Iago Gómez, “é a flexibilidade”, xa que a diferencia dos sistemas tradicionais, “onde a configuración da radio dependía puramente en configuracións do hardware”, as SDRs permiten modificar parámetros sobre a marcha, como banda de frecuencia, estándar de comunicación usado, modulacións, largo de banda…
A segunda das actividades deste proxecto será un obradoiro de iniciación SDR que se impartirá no local que a Asociación Tecnolóxica A Industriosa. Este curso ofrece dúas edicións de seis horas de duración, unha en setembro (venres 28 e sábado 29) e outra en outubro (venres 5 e sábado 6). Os asistentes aprenderán os fundamentos teóricos desta tecnoloxía e realizarán pequenos proxectos prácticos onde crearán diversos sistemas de comunicacións empregando placas SDR comerciais de baixo custo lanzadas recentemente ao mercado, chamadas Lime SDR Mini. Estes obradoiros serán impartidos por enxeñeiros de Telecomunicación.

PUBLICIDADE