En marcha unha nova edición das Aulas Tecnópole
luns, 2 de setembro do 2024
O Parque Tecnolóxico de Galicia pon en marcha unha nova edición das súas Aulas Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 12 a 18 anos. A matrícula xa está aberta e poderá realizarse ata o 30 de setembro (ou ata esgotar as prazas), a través da páxina web da iniciativa. Esta proposta enmárcase dentro das actividades de Tecnópole Divulga, que busca incentivar as vocacións científicas e técnicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.
O Parque Tecnolóxico lembra que as Aulas Tecnópole alcanzan este ano a súa décimo quinta edición e que as prazas están limitadas a 45 asistentes, por orde de inscrición. A cota mensual é de 20 €, que inclúe ademais o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.
Os participantes trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2024 a maio de 2025. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente en programas destas características.
Respecto da metodoloxía, a rapazada de Secundaria e Bacharelato decidirá os proxectos a desenvolver ao longo do curso, apoiados polos seus docentes. Recibirán formación sobre as pautas que debe seguir “unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto”, explica a Tecnópole, engadindo que amais terán a ocasión de presentar as súas propostas en diferentes feiras e eventos científicos de ámbito autonómico ou nacional como Exporecerca Jove en Barcelona, Open Science en Cambre ou CinVigo na cidade olívica; nas que os equipos de Aulas Tecnópole adoitan obter importantes recoñecementos aos seus traballos.
Ao igual que o curso pasado, aproveitaranse as instalacións da Aula Newton para realizar determinadas actividades como o deseño de sondas estratósfericas, microsatélites, túneles de vento ou mesmo a construción de drons, entre outras propostas vencelladas co eido aeronáutico e aeroespacial.