En marcha unha nova edición do Terra Creative Jam

venres, 27 de setembro do 2024 S. P.

Foto de Santi Alvite (USC)

Unha nova edición do Terra Creative Jam xa está en marcha para achegar solucións que sirvan para “reinventar o rural”. Trátase dun evento creativo e de innovación para a xeración de ideas na USC previsto para os días 19 e 20 de outubro na Residencia Universitaria Jesús Bal e Gay do Campus de Lugo. O certame ten aberto o prazo de inscrición tanto para equipos como para participantes individuais de ata 35 anos. O período de rexistro remata o 18 de outubro, ás 20.00 horas.
Ao longo de dúas xornadas, o Terra Creative Jam ofrece obradoiros, así como múltiples desafíos sociais, ambientais e tecnolóxicos. As persoas inscritas poderán desfrutar dunha primeira xornada de ideación, con xogos de creación de ideas e proxectos sostíbeis, formación con obradoiros específicos, prototipaxe con maquinas 3D, corte láser, gamificación, drons, Realidade Virtual e IA (Intelixencia Artificial), alén de actividades deportivas e lúdicas con escape room e escalada. A segunda xornada consistirá nun hackaton onde por equipos traballarán no seu prototipo para crear a súa solución e expoñela ante o xurado.
O evento toca diferentes temáticas que van dende a economía verde, a produción eficiente e sostíbel; educación rural inclusiva e de igualdade; emprendemento das mulleres do rural; seguridade alimentaria; rural tech, desenvolvemento local, envellecemento activo no rural, ata rexurdimento creativo e cultural.
As ideas, produtos e servizos que se desenvolvan deberán estar ligados ás temáticas do evento Crea oportunidades para o rural. Os tres mellores prototipos de proxecto serán premiados cunha praza para todo o equipo na Residencia formativa Lof Talent e no Programa de emprendemento Explorer USC. Ademais, cada un dos membros do equipo gañador, recibirá premios como cámaras tipo GoPro, impresoras 3D-mini e tabletas, entre outros.
Este evento está promovido polo Campus Terra a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa incubadora Lug Open Factory. A actividade é totalmente gratuíta. Ademais, facilitaráselles aos asistentes, desprazamento, aloxamento e mantenza durante os dous días que dura o Terra Creative Jam.