En marcha unha proposta para encher a Rede de cancións en galego no 17 de maio
venres, 6 de maio do 2011
Achégase o día das nosas Letras, o 17 de maio,
e a nosa comunidade internauta xa está a argallar todo tipo de métodos
imaxinativos de comprometérmonos coa nosa lingua e a nosa cultura, dende e para
a Rede. Un dos que máis nos chamaron a atención estes días é unha proposta para
tirar proveito do YouTube como canle para agasallar unha canción en galego aos
moitos millóns de internautas que andan polo mundo e se cadra aínda non saben
que existimos, cousa que haberá que solucionar. A iniciativa, chamada Agasallo para o mundo,
preséntase coma un xogo de participación arredor do galego, segundo os
impulsores nada que ver co correo lixo e cos envíos masivos indiscriminados.
Así o reflicte a
CiberIrmandade: “Quen reciba o correo
e escoite a canción compartirá un xesto repetido milleiros de veces ao longo de
milleiros de quilómetros”. O espazo en YouTube será un espazo vivo, ao que
se irán engadindo as diferentes achegas que se
reciban. Só teremos que escoller a versión que máis nos guste o 17 de
maio enviala aos nosos amigos para que a reproduzan ben alto nos lugares nos
que se atopen nese intre.
A iniciativa déixanos marxe para facer a nosa
propia versión, baixo unha partitura xa establecida (en formato pdf). Despois teremos
que botar man dunha cámara dixital e compartir o agasallo. O xermolo da
proposta vén da man de Eva
Wojkiewicz.
Vídeo de Tonhito de Poi e Milo Romero que serve de exemplo desta iniciativa