En marcha unha web para animar ás nosas empresas a usar a lingua propia: venderengalego.gal

xoves, 23 de marzo do 2017 Fernando Sarasketa

En contra do que pode pensar unha corrente de profesionais e empresas, por sorte cada vez máis reducida, o uso do galego axuda a vender máis. Isto é así por varias razóns: porque pon en xogo un elemento diferenciador e competitivo (marca e identidade propias), porque amplía a capacidade de manobra comunicativa da empresa (que conecta máis e mellor coa poboación galega e, por extensión, tamén coa portuguesa) e porque denota unha concienciación cultural e lingüística que, por forza, é sinal de respecto comercial e empresarial cara ao cliente. En base a isto, a Federación Galega de Parques Empresariais e a Deputación de Pontevedra veñen de pór en marcha unha iniciativa para lembrarlle a profesionais, empresas as vantaxes de comunicar tamén na nosa lingua. A campaña Vender en galego, presentada onte a sede de FECIMO en Cangas, ten o seu piar fundamental na páxina www.venderengalego.gal.
A iniciativa, como dixemos, vén da man da Federación Galega de Parques Empresariais e está financiada a través da liña de dinamización do galego convocada no pasado exercicio polo departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra. Na presentación estiveron presentes o secretario xeral de FEGAPE, David Sobral, o presidente de FECIMO, Xosé Bangueses, a xerente de FECIMO, Mar Lorenzo, e o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Durante a presentación, o deputado aproveitou para anunciar que esta liña de axudas, iniciada no ano 2016, terá continuidade no presente exercicio “para que o galego estea en todos os ámbitos da nosa vida”. Leal felicitou as dúas entidades impulsoras da campaña por incluír “o galego como lingua vehicular do comercio e promover que nos identifique no mercado”.
A iniciativa artéllase en información impresa para as empresas e o comercio co obxectivo de favorecer a etiquetaxe de produtos en galego. Dende o espazo web www.venderengalego.gal fornecerase ás firmas de ferramentas online para os procesos de comercialización como son tradutores, cursos de galego, dicionarios ou software.
Segundo informou David Sobral, “trátase de concienciar sobre as oportunidades que o uso do galego xera nas empresas á hora de diferenciarse no mercado exterior e o valor competitivo en relacións con países de lingua portuguesa”. En base a isto, FEGAPE avogou por empregar a fondo o galego para conectar coa lingua irmá, o portugués (a premisa que sustenta este argumento é unha realidade incontestábel: un portugués falante le e comprende perfectamente o galego, sendo moitas máis as semellanzas que as diferenzas). En palabras da FEGAPE, “a comunicación do produto no noso idioma é importante para abrir mercados nos cinco continentes, en países como Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau por ter o portugués como lingua oficial, ou en países con importantes comunidades lusófonas como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón”.

PUBLICIDADE