En marcha unha web que fomenta o uso responsábel do 112 na compaña dos Bolechas

mércores, 23 de setembro do 2020 Sonia Pena

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEG) puxo a disposición de estudantes e mestres unha web desde a que poden descargar unidades didácticas e participar en xogos para familiarizarse co uso e cos servizos do número 112. Con esta acción, preténdese “aumentar as capacidades dos cativos e das familias para saber reaccionar ante unha situación de verdadeira urxencia e adoptar as medidas de protección pertinentes”. A web vén acompañada dos integrantes da familia galega máis popular do ámbito audiovisual e da banda deseñada: Os Bolechas.
A ligazón, á que se pode acceder desde a web da AXEGA e dende a dos Bolechas, achega material de utilidade para o traballo na aula ou na casa, xogos, actividades e unidades didácticas sobre como identificar unha emerxencia, como facer que a chamada ao 112 sexa áxil e efectiva co fin de acadar a resposta máis axeitada posíbel, como se organiza a atención telefónica de emerxencias en Galicia e os recursos de intervención dispoñíbeis. Ademais, inclúese material para a aprendizaxe dos primeiros coidados cando a situación non require de medios especializados, así como cal debe ser o noso comportamento e medidas de protección ante emerxencias de risco vital.

PUBLICIDADE