En marcha unha web sobre os fortes vencellos de Afonso X coa nosa terra

martes, 12 de xaneiro do 2021 S. P.

Con motivo da celebración dun novo Ano Santo e o 800 aniversario do nacemento de Afonso X, o Consello da Cultura Galega impulsou a mostra Afonso X e Galicia, que abriu este martes 12 de xaneiro as súas portas na Igrexa da Universidade en Santiago e na que se convida a coñecer a enorme influencia da figura do rei coñecido como O Sabio cun percorrido a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A mostra compleméntase cunha nova páxina web que lle serve de engadido informativo.
A exposición foi inaugurada pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia e presidente de honra desta institución, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar e o reitor da USC, Antonio López. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril.
A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten ao espazo web da mostra, onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

PUBLICIDADE