En outubro perdéronse preto de medio millón de liñas móbiles

luns, 17 de decembro do 2012 Marcus Fernández

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións na súa nota mensual correspondente ao mes de outubro vén de facer públicos uns datos alarmantes no relativo ao sector da telefonía móbil, pois recolle unha caída de 486.183 liñas, a meirande caída da historia, atribuída principalmente á perda de liñas de Movistar (284.290) e Vodafone (278.070), que non puideron ser compensadas polos Operadores Móbiles Virtuais (que pola contra gañaron 78.550 liñas). As portabilidades continúan a gozar de éxito en España, incrementándose un 6,1% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, chegando ata as 474.993 portabilidades.
A banda ancha experimentou un crecemento de 35.466 novas liñas (18.188 mediante DSL e 17.278 por fibra óptica), correspondendo a meirande parte das altas (40.290) a operadores alternativos. Os operadores de cable tamén conseguiron sumar 15.390 liñas de banda ancha, mentres que Telefónica experimentou unha caída interanual de máis dun punto, quedando co 48,11% de cota de mercado.
No tocante á telefonía fixa, aínda que as portabilidades medraron un 21,2% con respecto ao ano pasado, acumula unha caída de 4.849 liñas, tendencia que leva moitos meses manténdose, e que pode responder tanto á súa substitución por parte da telefonía móbil como pola conxuntura económica.

JPEG - 260.1 KB
Ganancia neta mensual de liñas móbiles (en milleiros)

PUBLICIDADE