En outubro teremos xogo dos Guardians of the Galaxy

luns, 14 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Durante a fin de semana Square Enix deu conta do grande xogo que está a desenvolver Eidos Montreal, Marvel’s Guardians of the Galaxy, do que non só estrearon tráiler e deron detalles, senón que tamén anunciaron que sairá á venda o 26 de outubro con versións para PS4, PS5, Xbox One, Xbox Series X|S e PC, permitindo que o xogador poidan adoptar o rol de Star-Lord para liderar aos Gardiáns e salvar o Universo nunha aventura chea de sorpresas, na que non esquecerán os toques de humor propios da súa adaptación cinematográfica (aínda que cómpre advertir de que o xogo está baseado na banda deseñada orixinal e só ten algúns toques do produto para a pantalla grande).
Aparte do humor, o xogo tamén collerá da adaptación cinematográfica un detalle moi importante: a banda sonora. Deste xeito contarase con máis de 30 grandes temas musicais dos anos 80 de Iron Maiden, Kiss, New Kids On The Block, Rick Astley e moitos máis para conseguir unha ambientación sonora moi acorde ao que esperan os seareiros desta franquía.
O xogo está xa dispoñible en reserva tanto en soporte físico como dixital, o que facilita o desbloqueo anticipado de atavíos para Star-Lord, e confíase en que sexa un dos grandes éxitos do outono, depositando os seareiros da Marvel grandes esperanzas neste título tras a grande decepción do xogo dos Vingadores, que buscando converterse nun xogo como servizo estragou a experiencia.

Os inadaptados protagonistas do xogo terán que embarcarse nunha aventura para salvar o Universo
O xogo conta cun argumento totalmente orixinal

Tráiler de Marvel’s Guardians of the Galaxy

PUBLICIDADE