En setembro os Angry Birds renovaranse con aires femininos

xoves, 5 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Tras as entregas galácticas de Angry Birds Star Wars, a franquía dos porcos anoxados de Rovio parecía centrarse na exploración de novos xéneros como a condución (Angry Birds Go!) e o rol (Angry Birds Epic), pero agora confirman que no outono volverán ao rego, e retomarán o seu estilo clásico con Angry Birds Stella, unha aventura na que a rosada Stella con cinco dos seus máis feros amigos (Poppy, Willow, Dahlia, Luca e Gale) viaxarán á Illa Dourada, onde se enfrontarán aos porcos verdes de sempre.
Esta nova entrega de Angry Birds destaca por dar o protagonismo a un personaxe feminino, aínda que todos os paxaros contarán con cadanseu estilo, facendo de Stella a necesaria renovación desta franquía que espera manter o seu pulo.
A este xogo que ten prevista a súa chegada no mes de setembro acompañarano unha serie de 13 episodios animados de 6 minutos cada un e as figuras de Hasbro (TELEPODS) que poderán coleccionarse e integrarse no xogo. Antes de rematar o ano tamén se espera que cheguen outros produtos baseados na nova marca de Angry Birds.

Stella devolverá aos Angry Birds ao seu xénero orixinal

PUBLICIDADE