En xaneiro presentarase o HDMI 2.2

luns, 16 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Para atender ás demandas de maior largo de banda para a transmisión de audio e vídeo a televisores e monitores, en xaneiro de 2017 presentouse no CES de Las Vegas a especificación HDMI 2.1, que abría a porta a resolución 8K até a 60 imaxes por segundo e a cables con até 48 Gbps de largo de banda, así como a compatibilidade con tecnoloxías como VRR, eARC e HDR dinámico, e na vindeira edición do CES queren repetir a xogada e dende o HDMI Forum anuncian que o 6 de xaneiro presentarán oficialmente as novas especificacións HDMI 2.2.
"As novas especificacións, cunha tecnoloxía HDMI de nova xeración e un maior largo de banda, soportarán unha ampla gama de resolucións máis altas e taxas de refresco maiores, grazas a un novo cable HDMI", indica o comunicado que fai referencia ao evento de presentación no CES 2025.
Resulta curioso que se pretendan mellorar as capacidades do HDMI cando no mercado audiovisual os contidos en 8K son anecdóticos, non existindo apenas nin oferta nin demanda de vídeo en tal resolución, pero non podemos esquecer que no ámbito dos videoxogos o panorama é diferente, esixíndose cada vez maiores velocidades de refresco e capacidades e, de feito, a norma DisplayPort 2.0 xa ofrece largos de banda de até 80 Gbps, polo que podemos entender que o HDMI non quere quedar atrás no ámbito do gaming.