Enredando Tour percorrerá Galicia achegando ás TIC ás persoas maiores

luns, 10 de xullo do 2023 Redacción

O vindeiro xoves bota andar unha nova edición de Enredando Tour, una iniciativa da Cruz Vermella en colaboración coa AMTEGA, para reducir a fenda dixital entre os maiores. Até o mes de setembro Enredando Tour percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante.
A ruta comeza na provincia de A Coruña, na localidade de Toques, o vindeiro día 13 de xullo e continuará en Cabanas o 20, en Mesía o 27 e en Arteixo o 3 de agosto. O percorrido de actividades chegará tamén ás provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, ata acadar un total de 20 localidades até setembro.
Esta edición está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoiará para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso.

Obradoiros de capacitación dixital e menús formativos

O Enredando Tour percorrerá Galicia cunha furgoneta equipada que ofrecerá contidos formativos vinculados ás TIC. Nela transportaranse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.
En cada unha das localidades onde recale a xira, instalarase a furgoneta en horario de 10:00 a 14:00 e organizaranse varios talleres relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante poderá formarse nun ou varios contidos de cada menú. O primordial é que a persoa decida que quere aprender e en que medida quere que Cruz Vermella o acompañe na súa capacitación dixital. Neste espazo, situado en prazas ou espazos públicos, as persoas que participen poderán manexar os dispositivos tecnolóxicos e poderán acceder a catro menús formativos que Cruz Vermella e a Axencia autonómica deseñaron:
Vivo nun mundo analóxico, rapaza: menú básico para comezar a enredar na Internet.
E ti… de quen vés sendo?: para saber que é e como funciona a mensaxería instantánea.
Dixitalízate, ho: para aprender como se pode acceder ao SERGAS, facer a compra por Internet e, en xeral, como xestionar o máis cotián.
Menú: divírtete e aprende: para coñecer utilidades e aplicacións prácticas na Internet.

PUBLICIDADE