Enredando Tour percorrerá Galicia capacitando dixitalmente á cidadanía
venres, 12 de xullo do 2024
Noia acolleu hoxe a primeira xornada de Enredando Tour, a iniciativa impulsada pola AMTEGA e Cruz Vermella para facilitar a capacitación dixital da sociedade e reducir fendas no uso da tecnoloxía. Até o mes de setembro, Enredando Tour percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante, orientado especialmente a persoas de 55 anos ou máis.
Esta xornada de arranque contou coa visita do director da AMTEGA, Julián Cerviño; do vicepresidente de Cruz Vermella en Galicia, Andrés Ríos e da a responsable da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo.
O responsable da Axencia autonómica lembrou que unha das prioridades das políticas tecnolóxicas da Xunta é consolidar unha “sociedade dixital e inclusiva” e neste sentido destacou o “papel da Rede CeMIT, redución da fenda dixital nos tramos de idade nos que era máis acusada en Galicia”. Os últimos datos do INE sinalan que preto do 68% os galegos e galegas de 65 a 74 anos empregan internet de xeito habitual, unha porcentaxe que no 2020 non chegaba ao 50%.
Obradoiros de capacitación dixital e menús formativos
O Enredando Tour percorrerá de novo Galicia cunha furgoneta equipada con diferentes dispositivos tecnolóxicos e ofrecerá obradoiros impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella que se desenvolverán de 10 a 14 horas para mellorar habilidades básicas como aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.
Ademais, nesta edición incorpóranse novos contidos sobre aplicacións que empregan intelixencia artificial e conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade, que serán en horario de tarde, de 17 a 18:30 horas.
A ruta comezou hoxe en Noia e continuará o e continuará polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra facendo paradas en Padrón, Ponteceso, Oleiros, Curtis, Castro de Rei, Becerreá, Samos, O Incio, Abadín, Cartelle, O Irixo, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo, Monterrei, Marín, Moaña, A Estrada, Ponteareas e Mondariz.