Enreguéifate recunca co seu apartado de certame de contidos

mércores, 12 de novembro do 2025 S. P.

Na mañá de onte, martes 11 de novembro, tiña lugar no compostelán Pazo de Raxoi a presentación da novena edición do Enreguéifate. Detrás deste proxecto atopamos ao servizo de normalización lingüística dos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo, que nace coa vontade de ser referente na divulgación da improvisación oral en verso –a regueifa– como canle para revitalizar o uso do galego, especialmente entre a mocidade.
Na presentación oficial participaron a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; a concelleira de Normalización Lingüística de Arzúa, Lucía López Sobrado; a concelleira de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; ; e as formadoras e formadores do Enreguéifate Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, Xairo de Herbón e Manuele Pardo, que abriron o acto regueifando. Á cita asistiron ademais responsables de normalización lingüística dos concellos impulsores.
Desta volta o lema do concurso foi: Enreguéifate, versos doutro universo, “esta edición convida a ollar e mudar este mundo desde outro universo: o da poesía oral improvisada”, segundo apuntaba a alcaldesa compostelá. Goretti Sanmartín subliñou ademais a importancia dun proxecto que este ano sumou un concello máis, o de Arzúa.
Indo ao programa de actividades, dicir que dará comezo este venres, 14 de novembro, cun obradoiro de formación para o profesorado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), conducido por Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco e Josinho da Teixeira. A actividade, de balde e con inscrición aberta ata hoxe, 12 de novembro, a través da web do Enreguéifate, ofrecerá a 45 docentes de toda Galicia a oportunidade de coñecer o valor da regueifa como ferramenta didáctica. A través da improvisación oral, os participantes explorarán estratexias para fomentar a expresión, a empatía e o traballo en equipo nas aulas, transmitindo ao alumnado valores como a diversidade, a cooperación, a integración ou o feminismo.
Durante o primeiro e o segundo trimestre do curso realizaranse preto de 80 obradoiros de improvisación oral destinados a escolares de 5º e 6º de primaria e da ESO dos concellos participantes. Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo, Xairo de Herbón, Cristian de Burela e Manuele Pardo serán nesta edición as persoas encargadas de impartir as sesións formativas destinadas a espertar no alumnado a curiosidade polos xéneros de improvisación oral en galego.
Un dos apartados con máis éxito deste certame de regueifas, é o apartado en vídeo. A representante do Concello de Carballo subliñou que na anterior edición “acadouse unha participación de récord, con case un cento de regueifas recibidas, confirmando o interese crecente da cidadanía por esta expresión cultural”. Maruxa Suárez Cotelo animou a volver bater esa marca, para “seguir sumando tripulantes nesta nave da regueifa” e lograr unha participación masiva do alumnado galego de educación infantil, primaria, secundaria, formación profesional, ensinanzas especiais, artísticas, escolas de música, de danza ou de idiomas, pero tamén da cidadanía en xeral, ben de xeito particular ou ben a través de todo tipo de asociacións ou colectivos, á que tamén vai dirixida este certame. O prazo para participar estará aberto do 12 de xaneiro ao 6 de marzo de 2026. A inscrición poderá realizarse a través da web do Enreguéifate, onde tamén estarán dispoñibles as bases completas do certame. As persoas interesadas deberán enviar un vídeo no que participen, como mínimo, dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre, cunha duración máxima de tres minutos.
E indo aos premios, este ano volverán outorgarse oito galardóns por cada categoría –escolar e xeral–, para recoñecer non só quen fai mellor as regueifas, senón tamén que as emprega para fomentar a inclusión, para reclamar ou denunciar inxustizas, para amosar a nosa diversidade ou para difundir as nosas tradicións. Así, haberá regueipremios para os mellores vídeos nas modalidades de: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira.
A entrega dos premios terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o xoves, 16 de abril de 2026.