Enrique Costa traballará na captación de alumnado á fronte da EE de Telecomunicación
martes, 23 de xuño do 2026
O catedrático Enrique Costa Montenegro, novo director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, debullou as súas grandes liñas de traballo á fronte da EE, liñas entre as que destaca a captación de alumnado, a redución da taxa de abandono e a ampliación da oferta académica. O centro renovou este luns 21 de xuño o seu equipo directivo nunha xornada electoral á que Costa asistía como cabeza de lista dunha candidatura única na que obtivo o apoio maioritario dos votos emitidos na Xunta de Escola (50 votos a favor, 2 votos en contra e 2 abstencións).
Acompáñano no novo equipo directivo, María Cao Paz, como subdirectora de Calidade; Pablo Fondo Ferreiro, subdirector de Captación e Relacións Internacionais; Borja González Valdés, subdirector Académico e de Novas Titulacións, e Manuel García Sánchez, que compaxinará a subdirección de Infraestruturas coa Secretaría.
O programa de goberno para os vindeiros seis anos apostará pola continuidade do traballo desenvolvido polos últimos equipos directivos da escola, encabezados polos catedráticos Íñigo Cuiñas, do que el mesmo formou parte, e Rebeca P. Díaz, quen abandona o cargo para asumir esta mesma semana a Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador.
A captación de alumnado constitúe, segundo o xa novo director, o principal reto a curto e medio prazo. Nesta liña, lembra que “a diminución da natalidade está a ter xa impacto nas xeracións que acceden á universidade” e considera “necesario reforzar as accións orientadas a dar a coñecer os estudos de telecomunicación”.
Ás numerosas medidas postas en marcha no centro ao longo dos últimos anos e xa asentadas, como a Olimpíada Nacional de Teleco, as Xornadas de Portas Abertas, ou actividades como o Día Internacional da Muller e da Nena nas TIC - Elas Fan TIC- e o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia - Elas Fan CienTec- sumaranse agora dúas novas iniciativas: a colaboración co programa Polos Creativos da Xunta de Galicia e o lanzamento do programa piloto Embaixadores de Teleco.
“O programa de Polos Creativos da Xunta de Galicia está orientado a centros de primaria, secundaría, bacharelato e FP e busca a ampliación do coñecemento do alumnado mediante retos tecnolóxicos e dixitais principalmente”, explica Costa. Ofrecen dotación de material, kits para a aprendizaxe de diferentes tecnoloxías e organización de eventos relacionados coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas.
No caso do programa Embaixadores Teleco a idea é ampliar as charlas que a escola xa ofrece nos centros de ensino secundario. “Ata agora eran os nosos docentes ou as empresas colaboradoras as que ían aos centros, agora a idea é que o noso alumnado poida acudir aos seus anteriores centros e contar a súa experiencia coas nosas titulacións”, explica Costa.
En canto á redución da taxa de abandono, prevese recuperar o Programa de Mentorización e incrementar as medidas de fomento da vida estudantil na escola para o que se dotará ao centro de novos espazos para o alumnado, incluído un Fab Lab dotado de dispositivos tecnolóxicos relacionados coas titulacións do centro.
O terceiro gran eixo do programa de goberno é a ampliación da oferta formativa, tanto mediante novas titulacións como a través de microcredenciais. No ámbito da internacionalización manterase o grao en inglés e promoveranse novas materias neste idioma. Por outra banda, tamén se tratará de seguir ampliando a rede de empresas ConexiónTeleco, integrada na actualidade por 16 entidades colaboradoras -11 mecenas e 5 amigas- e se prestará atención a diferentes obras de mantemento do centro.
Entre as novidades previstas polo equipo para o vindeiro curso sitúan tamén a posta en marcha dun proxecto piloto de detección da fraude que consistirá en probar diferentes medios para evitar ou detectar cando se produce copia nos exames. “Esta copia faise agora principalmente usando a tecnoloxía, como pode ser a emisión por radiofrecuencia ou o uso da IA”, engade Costa.
