Enrique Dans bota unha ollada ao futuro no seu novo libro

martes, 22 de outubro do 2019 Marcus Fernández

O galego Enrique Dans, profesor de innovación na IE Business School e célebre investigador, divulgador e asesor dos efectos da innovación tecnolóxica sobre as persoas, as empresas e a sociedade no seu conxunto, tras o éxito do seu libro Todo va a cambiar, no que amosaba moitas das tecnoloxías que estaban a mudar profundamente o noso xeito de ver o mundo, estrea hoxe Viviendo en el futuro, obra na que explora tecnoloxías que están a ter un profundo impacto no traballo, o comercio, as organizacións, a educación e outras cuestións básicas.

Nesta publicación que chega hoxe ás tendas, Dans analiza as chaves sobre como a tecnoloxía está a mudar o noso mundo, afondando nestes cambios dende un punto de vista realista e non quedando no superficial, o que pode verse como unha chamada de atención aos cidadáns para que saibamos mirar cara adiante conscientes do impacto das nosas decisións actuais á hora de marcar o rumbo cara unha serie de revolucións que están por chegar.

En Viviendo en el futuro podemos atopar explicacións a por que a xente de maior idade é máis propensa a crer e compartir falsidades, a transformación que vivirán os nosos fogares, a importancia da loxística á hora de achegar produtos aos consumidores, a revolución da saúde electrónica, as cidades intelixentes, a posible eliminación dos vehículos privados nas cidades, a reforma da educación para adaptarse a un mercado laboral para o que non serven certas habilidades que se desenvolven actualmente (e que carecen de utilidade), a posible reformulación do sistema bancario, as dificultades do comercio de proximidade, o reto de manter certa privacidade ou incluso o uso de algoritmos para as decisións políticas. Toda unha serie de ámbitos que nos pillan a todos moi de preto e que en poucos anos experimentarán cambios que poderiamos considerar como revolucionarios, transformando a sociedade no seu conxunto.

PUBLICIDADE