Entidades e desenvolvedores da nosa terra botan man das TIC para loitar contra a avespa velutina

venres, 17 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

Alén de calquera confirmación científica, que as hai, a proba de que a avespa velutina está fóra de control na súa propagación, é que xa non queda case ninguén que non as coñeza e non saiba localizalas. Con toda probabilidade, este nivel de coñecemento noso sobre unha especie non adquiriu antes tal nivel de amplitude con ningún outro animal, planta ou insecto. Isto non tería que ser negativo se non fose porque a velutina é unha das peores cousas que lle podía pasar ao noso medio, e a nós mesmos: estraga as poboacións de abellas e outros insectos a unha velocidade de vertixe, e, ademais, pode carrexar serios problemas de saúde para as persoas. Sen dúbida, é hora de botar man das novas tecnoloxías. Así o entenden entidades como a Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña, que veñen de lanzar unha aplicación que visualiza nun mapa a distribución presente e futura da velutina.
O funcionamento da aplicación baséase nun modelo creado polo investigador Luis Rodríguez Lado, do departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC. Este modelo bota man das bases de datos xeradas coa retirada de niños da especie invasora, creándose un alicerce preditivo e de comportamento que permite ao sistema informático facer prognósticos certeiros sobre o espallamento do insecto na nosa terra. O sistema foi desenvolvido ao abeiro do programa Detección precoz da distribución potencial da avespa asiática en Galicia mediante algoritmos estatísticos automatizados sobre plataformas dixitais. A aplicación tamén bota man da información climática de cada área. En total, tira proveito de medio cento de variábeis ambientais e é quen de visualizar as características de hábitat polas que se decanta a especie.

Técnicos da Deputación de Ourense e de Aerocámaras cos drons anti-avespas asiáticas

Esta innovación súmase a outras experiencias tecnolóxicas complementarias, como a da Deputación de Ourense e Aerocámaras (a base de drons autónomos localizadores de niños nas polas das árbores e con capacidade para neutralizalos) ou á presentada en Librecon 2017 da man de Nuno Troitiño, programador, apicultor 2.0 e responsábel da aplicación Appybee, unha innovación galega con claro potencial para achar e controlar pragas que afectan ás colmeas de abellas, como a da avespa velutina.

Appybee, máis en detalle, é un software-hardware libre que pon en xogo un sistema de seguimento das colmeas con consellos de tratamento contra as pragas e para mellorar a saúde dos insectos, para o que incorpora un circuíto especializado no propio “fogar” das abellas, con sensores-placas Arduino e Raspberry (hardware libre). Ten capacidade para recoller, almacenar e procesar información sobre a colmea en caso de ameaza.

PUBLICIDADE