Entra na recta final o prazo de inscrición nas axudas de dixitalización da Cámara da Coruña: Xpande 2025

martes, 26 de agosto do 2025 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña emitiu un comunicado no que lembra que está a piques de finalizar o prazo de inscrición na Convocatoria Xpande Dixital 2025, un programa de axudas dirixido a pemes da demarcación coruñesa interesadas en desenvolver estratexias de internacionalización dixital.
A iniciativa ofrece ás empresas participantes un dobre apoio: por unha banda, servizos de asesoramento individualizado, para deseñar e consolidar unha estratexia dixital de internacionalización adaptada a cada negocio; e pola outra axudas económicas cunha fase de análise e consultoría gratuíta para a empresa e unha fase de gastos que pode habilitar a empresa de ata un 60% sobre un total de 5.350 euros, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) 2021-2027.
Xpande Dixital ten como obxectivo principal impulsar a presenza internacional das pemes coruñesas a través de canles dixitais, facilitando así o seu acceso a novos mercados e mellorando a súa competitividade no ámbito global.
As empresas interesadas deben formalizar a súa solicitude nos vindeiros días, xa que o prazo de inscrición finaliza o 31 de agosto.
A Cámara explica que existen diferentes gastos subvencionables como pode ser a modificación dunha web, tenda en liña ou aplicación móbil; a alta ou xestión de contas e mercadotecnia online en marketplaces; accións de inbound marketing; deseño e creación de campañas en redes sociais (SMM); aplicación de accións de posicionamento orgánico (SEO); preparación de analítica web ou deseño de campañas de publicidade en liña (SEM) en Google Ads e/ou en plataformas PPD internacionais, entre outros.
As pemes interesadas en beneficiarse deste servizo poden obter máis información e inscribirse a través da web da Cámara de Comercio da Coruña.