Entra na recta final o prazo para inscribirnos no campus sustentábel da Deputación de Lugo

mércores, 20 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

Entra na recta final o prazo para presentar a nosa solicitude de participación no sexto Campus de Emprendemento Sostible impulsado pola Deputación de Lugo, para o que, segundo apunta o ente provincial, van quedando cada vez menos prazas dispoñíbeis. En total, haberá 45 prazas para os cursos programados, que se celebrarán gratuitamente en varias sesións durante marzo nas dúas Reservas da Biosfera: Terras do Miño (no Centro de Interpretación Terras do Miño) e Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá (no Edificio de Servizos Multiusos de Cervantes).
Os seminarios versarán sobre motivación e maduración de ideas empresariais, centrándose tamén nas metodoloxías máis eficaces para que os proxectos tiren o máximo proveito das novas tecnoloxías (comunicación, promoción, difusión, distribución, busca e mantemento de clientes, etc). O obxectivo da Deputación é ofrecer á veciñanza emprendedora accións formativas e asesoramento individualizado, amais dun roteiro de visitas polos establecementos e empresas competitivas e sustentábeis da provincia, onde manterán encontros cos seus impulsores para compartir experiencias. A finalidade última é achandar o camiño para que o novo empresariado poida poñer en marcha os seus proxectos en calquera dos concellos que integran as dúas Reservas da Biosfera.
“Todas e todos os lucenses que teñan unha idea de negocio, pero que precisen axuda e asesoramento por parte de profesionais, teñen unha última oportunidade de inscribirse e participar nestes seminarios do VI Campus de Emprendemento Sostible”, informa a Deputación facendo un chamamento á máxima participación, engadindo que as persoas interesadas en facelo poden apuntarse no espazo que se atopa habilitado en www.deputacionlugo.gal ou cubrindo o formulario de solicitude en http://cursos.deputacionlugo.org/terrasmino_rato/, ou no teléfono 982 22 78 13. O prazo de inscrición ficará aberto até cubrir as prazas ofertadas.
As actividades
Polo que se refire ao Campus de Maduración Empresarial, está dirixido a todas as persoas cunha idea de negocio. Será un curso intensivo de catro días, que combinará sesións teóricas con visitas a empresas e titorías individuais, unha vez rematadas as sesións. En canto á parte teórica, traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.
No que atinxe ao Campus de Motivación, encamíñase sobre todo a profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, co fin de que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como economía, empresa e iniciativa emprendedora ou formación e orientación laboral. As sesións, que serán intensivas, están destinadas a ofrecer contidos, recursos e ferramentas sobre emprendemento para traballar co alumnado nas aulas.
26 empresas xeradas
As cinco anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron polo de agora, un total de 26 novas empresas na provincia e, en consecuencia, “a creación novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués”, segundo lembra a Deputación. Entre as empresas creadas hai unha presenza notábel das novas tecnoloxías, tanto nos produtos ou servizos a subministrar como na materia prima empregada polas propias empresa beneficiarias no seu día a día (comunicación, xestión, distribución).
Estas son as empresas: Pitas das Chas (Becerreá); D´Abella (Baleira); Terraminimum (Lugo); DulceMenta (Lugo); A Leira (Burela); A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Dukaree Artesanía de la Calabaza (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).


PUBLICIDADE