Entra no Álbum de Galicia a muller do autor de El Eternauta, Elsa Sánchez de Oesterheld
mércores, 4 de xuño do 2025
O Álbum de Galicia, enciclopedia en liña de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorporou este mércores 4 de xuño a entrada de Elsa Sánchez de Oesterheld (Bos Aires, 1925-2015), defensora dos dereitos humanos e integrante da Asociación Civil Avoas de Praza Maio. Dedicou a súa vida a procurar aos seus netos, nados en cativerio, despois do golpe militar de 1976 en Arxentina, co que perdeu á maior parte da súa familia. Carme Vidal é a autora da entrada que está dispoñible para consulta no web do CCG.
A entrada do Álbum de Galicia comeza percorrendo as circunstancias vitais de Elsa Sánchez, nada no barrio porteño de Núñez; descendente de galegos emigrados á Arxentina. O seu pai chamábase Vicente Sánchez Asorei e a súa nai Ramona Beis Diéguez e eran orixinais de Loño, no concello de Vila de Cruces, localidade á que acudía cada pouco co seu home nas vacacións.
No ano 2008 estivo en Santiago de Compostela, onde se reuniu coa conselleira da Xunta de Galicia, Ánxela Bugallo e o director xeral de Xuventude, Rubén Cela. Participou no ciclo Conversas de... onde se preguntaba Como esquecer se os meus dous netos poden estar con quen matou aos seus pais? e explicaba que logrou aferrarse á vida grazas a idea de recuperar eses nenos ou nenas e acompañar na vida aos pequenos Fernando e Martín, fillos das súas fillas que, coma ela, sobreviviran á masacre.
Durante os seus primeiros anos tivo acceso a unha rica formación en música, literatura e danza, o que a levou a frecuentar espazos culturais da súa cidade como o Clube Arquitectura, onde coñecería ao que sería o seu marido, o guionista e escritor de ciencia ficción Héctor Germán Oesterheld con quen tivo catro fillas. A casa do matrimonio converteríase nun lugar de encontro cultural, con iniciativas e proxectos como a editorial Frontera e a revista Hora Cero, onde se publicaría Vida do Che e a obra máis recoñecida de Oesterheld, El Eternauta.

- As fillas de Elsa Sánchez, asasinadas pola ditadura arxentina
Entre os anos 1976 e 1977 os militares fixeron desaparecer ao seu home, ás súas catro fillas, dúas delas embarazadas, e a tres dos seus xenros. Nese período de represión, as forzas da ditadura perseguían aos seus detractores, centrándose na captura das mulleres embarazadas, para evitar que os fillos non natos medraran coas mesmas ideoloxías dos proxenitores. As vítimas eran levadas a campos de exterminio como Campo de Maio, onde eran torturadas e asasinadas tras dar a luz e serlles arrebatadas as súas crianzas.
Daquela masacre, a Elsa Sánchez sobrevivíronlle dous netos, que naceran antes do golpe militar e que quedaron ao seu coidado e dos seus sogros.
Na última etapa da súa vida, Elsa Sánchez foi unha activa militante do movemento das Avoas da Praza de Maio, organización á que se achegou por recomendación do profesor Adolfo Pérez Esquivel.
No ano 2011 recibía a distinción de Personalidade Destacada da Cidade de Bos Aires, e estreábase o documental A muller do eternauta dirixido por Adán Aliaga de Frida Films.
Elsa Sánchez morría en 2015 con noventa anos, despedida polas Avoas da Praza de Maio que lamentaban que marchase unha avoa máis sen ter coñecido aos seus dous netos.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. Na actualidade conta con máis de 770 entradas, das cales as máis recentes son as de José Fernández Vide, Paco Conesa, Mercedes Mariño, Aurichu Pereira, Lola Arribe, Valentín Lamas Carvajal, as cantareiras de Cerceda, Virxilio Viéitez, Tucho Lagares ou Eduardo Lence-Sartar. As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. O Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.
