Entradas xa á venda para a Lérez Up 2025
martes, 1 de xullo do 2025
O salón do videoxogo e da cultura friki de Pontevedra, o evento Lérez Up, xa ten data, gran parte da súa programación anunciada e entradas á venda. A cita será os días 13 e 14 de setembro no Recinto Feiral da cidade e contará de novo coa colaboración do Concello de Pontevedra e da asociación Gaming Troop.
O evento confirma “unha edición chea de propostas para todos os públicos”, que van desde torneos de videoxogos ata cosplay, xogos de mesa, actividades de cultura xaponesa e máis.
Segundo confirmou a organización, un dos pratos fortes volverá ser o concurso de cosplay, que contará cun xurado profesional de excepción, agora completo: ás xa confirmadas Skullcaramel e Puchiluh súmase Antifta, pechando un trío de expertas que valorarán as caracterizacións e actuacións sobre o escenario diante de 300 persoas.
A zona de xogos de mesa regresa da man da asociación Rotting Pizza con máis contido que nunca: haberá xogo libre, torneos de Catan, Warcrow e Punkapocalyptic (dous xogos de miniaturas de temáticas de fantasía e post-apocalipsis), un obradoiro de pintura, un espazo de prototipos de xogos e creadores emerxentes, e tamén mesas de rol para mergullarse neste tipo de partidas.
Na zona Idol Games, o público poderá participar en xogos de adiviñanzas como audiotrivial, bingotaku, adiviña a personaxe, ou karaoke libre, e moitas sorpresas máis pensadas para a comunidade friki.
Un ano máis, participa a asociación pontevedresa Pontelabs, que promove a filosofía maker, e que traerá ao salón algúns dos seus proxectos feitos con impresoras 3D e ofrecerá un obradoiro para pintar figuras Pokémon, unha actividade pensada para público familiar e amante da personalización.
Repiten asistencia tras o seu paso en anos anteriores Escuadrón SAS cunha zona temática do universo Star Wars, onde o público poderá construír o seu sabre de luz, aprender técnicas de combate Jedi e participar en duelos e torneos intergalácticos.
A programación de videoxogos complétase cunha ampla lista de torneos oficiais, que inclúe títulos tan esperados como Mario Kart World (na nova Nintendo Switch 2), Fortnite, League of Legends,
Valorant, Super Smash Bros Ultimate, Just Dance e Tekken 8.
As inscricións para o torneo nacional de Smash Bros Ultimate tamén seguen abertas.
As entradas para a Lérez Up 2025 xa están dispoñibles na web de Percalandia, e todas as actualizacións poden seguirse a través das redes sociais de Gaming Troop e da páxina web oficial do evento.
