Entregados en Lugo os premios do quinto campionato D3Mobile, impulsado pola USC, a Deputación, o Concello e Vodafone

luns, 23 de outubro do 2017 Redacción

O salón de actos da Escola Politécnica Superior de Lugo acolleu o venres pasado a entrega de premios da quinta edición do certame 3DMobile Metrology World, un concurso impulsado polo Campus local (polo grupo de investigación CIGEO da USC, e previamente polo grupo USCAN3D) dirixido a potenciar as vocacións científicas en estudantes de secundaria e bacharelato servíndose do teléfono móbil. No acto de entrega de galardóns participaron a deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o Director do Servizo Rexional, Pablo Carballo; e a coordinadora do grupo CIGEO-USC e o director do proxecto, Mariluz Gil e Juan Ortiz. O Campionato Internacional de Modelado 3D contou coa colaboración da Deputación de Lugo e máis do Concello. Tamén apoiaron o certame a FECYT, a Fundación Vodafone España, o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG). Neste nova entrega do certame presentáronse proxectos educativos de distintos puntos do mundo, como Turquía, Grecia, México ou Colombia, entre outros moitos países.
O primeiro premio foi para os estudantes do IES Acci, da localidade granadina de Guadix, coordinados pola profesora Cecilia Fernández López. A equipa andaluza acadou na última proba un índice de erro medio inferior a 0,2 mm nas medicións dun modelo 3D de 200 mm de diagonal maior. Cada membro deste equipo recibirá un premio tecnolóxico, ademais dunhas gorras autografiadas por Marc Márquez, que apoiou con esta doazón a presente edición do campionato, como o fixeran ante uníndose así a Pau Gasol, Rafa Nadal, Iker Casillas e Máverick Viñales con outros agasallos autografiados.
A maiores do devandito, dous equipos da Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja (Ecuador) e do Nurettin Dolgun Mesleki ve Teknik Anadolu Lisesi, de Agri (Turquía) proclamáronse subcampión e terceiro clasificado, respectivamente, deste torneo.
O equipo FLÛSHD, do CPI A Xunqueira de San Valentín (Fene), formado polos alumnos Mario Bolaño Ameneiro, Óscar González Yáñez e Víctor Graña Martínez, coordinados pola profesora Blanca López Moreno, acadou o premio como mellor equipo do mundo na categoría de modelo 3D de maior calidade visual, cunha figura da ceramista galega Carme Romero.
O galardón á difusión do labor científico desenvolvido na USC foi para o equipo do IES A Sangriña de A Guarda coordinado Carmen López Fernández, cun modelo 3D dunha caracola, representativo do traballo do investigador local Emilio Rolán Mosquera.
O premio Estratexias para a educación no mundo da UNESCO foi para a Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja (Ecuador) por un modelo 3D dun libro. O galardón Estratexias para a ciencia no mundo recaeu no CPI a Xunqueira de Fene cun modelo 3D de un Dew Bank, un contedor deseñado por Pak Kitae para recoller auga de choiva.
O IES Quartó de Portmany de Eivissa obtivo o premio Estratexias para o desenvolvemento social, o patrimonio e a cultura no mundo por un modelo 3d dunha escultura. Asemade, o premio Estratexias para a comunicación e a información no mundo recaeu tamén nun equipo ecuatoriano da Unidade Educativa Fiscomisional Calasanz de Loja por un modelo 3D de una máquina de escribir.
O galardón da D3Mobile orientado a fomentar as competencias dos alumnos na realización dunha campaña de difusión en 3D a valorar polo público foi, na categoría de metrólogos, para o equipo do Institute of Mathematics and Informatics de Razlog (Bulgaria) formado por Maria Radoslavova Manzurova e Blagoy Radoslavov Manzurov, e coordinado pola profesora Maria Brauchle, gracias a un vídeo promocional co que deron a coñecer o seu modelo 3D dunha escultura. Na modalidade Artistas 3D o recoñecemento foi para outro vídeo e unha campaña en redes sociais dun modelo 3D do maniquí de anatomía humana realizado por estudantes da Unidade Educativa Mariscal Sucrre de Guayaquil.
O premio da Xunta ao mellor equipo galego foi para os participantes do IES Sofía Casanova de Ferrol coordinados por Eva Leira Bouzamayor. Vladímir Shmidt, Pablo López Río, Adrián Carballido Lamas e David Carballido Lamas, catro alumnos do IES Vilar Ponte de Viveiro coordinados por Ana Belén Lamas Lombao, proclamáronse gañadores do premio que outorga a Deputación de Lugo ao mellor equipo da provincia. O Premio Innovación D3Mobile (Concello da Coruña) foi para o equipo do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda formado por Alfredo Chavert Sánchez, Roque Placer Regueira, Alejandro Vázquez López e Diego Moral Fernández, coordinados por Mario Simón García González.
O premio D3Mobile-Fundación Mujeres, que distingue modelos representativos dunha científica/tecnóloga de éxito nos eidos da enxeñaría/arquitectura, foi para o dúo do IES Iturrama de Pamplona formado por Irene Salvoch e Iker Alfonso, coa titoría de Miren Josune Ballarena Urroz, por un modelo 3D sobre Margaret Knight.
D3Mobile é unha experiencia educativa dirixida a novas promesas STEM (acrónimo en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), que axuda a que os participantes adquiran “diversas competencias do século XXI, en termos da UNESCO”, e en cuxa edición 2017 tomaron parte 1.476 alumnos e 350 profesores de 268 centros educativos de 44 países.

PUBLICIDADE