Entregados en Santiago os Premios Smart Commerce

xoves, 29 de decembro do 2016 Redacción

Esta mañá entregáronse en Santiago os galardóns da primeira edición do certame Smart Commerce de Galicia, impulsado pola Dirección Xeral de Comercio (Consellería de Economía) para amosar perante o mundo os establecementos da nosa terra que máis e mellor apostaron polos recursos intelixentes e as novas tecnoloxías co fin de ser máis competitivos, rendíbeis e eficaces. No acto de hoxe, no que participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, galardoáronse as melloras iniciativas en cada provincia, salientando unha das catro como a mellor a nivel da comunidade; ademais de distinguir o mellor labor en comercio electrónico e a estratexia máis eficaz en redes sociais. O establecemento coruñés Lily & White obtivo o premio á mellor iniciativa galega. Tamén se recoñeceu o labor comercial en Internet (categoría eCommerce) de Xiro Atlantic Denim, de Moaña, e a estratexia en redes sociais (categoría social commerce) da nova firma Carla López Bags.
Nesta primeira edición dos galardóns, na que se repartiron 8.500 euros en recoñecementos, tamén se recoñeceu (a nivel provincial) o traballo de Serra Alimentación por Lugo; Ciento-Siete por Ourense; Krack Zapaterías por Pontevedra; e ao establecemento coruñés de cosmética orgánica Lily & White, que, como dixemos, tamén foi premiado como o mellor de Galicia.
O conselleiro Francisco Conde, que agradeceu a participación dunha trintena de iniciativas, sinalou que os premiados “apostan por ofrecer produtos cun valor engadido sen esquecer as raíces que fan do comercio galego un referente en profesionalidade e atención ao cliente”. E engadiu: “Teñen identidade propia, ofrecen produtos de calidade e impulsan o emprego das tecnoloxías de última xeración; ingredientes necesarios para que o comercio galego gañe en competitividade e sexa máis internacional”. Conde, asemade, enxalzou a colaboración existente entre a Xunta, a Federación Galega de Comercio e as diferentes agrupacións provinciais e locais.
Este certame abéirase á campaña Smart Commerce da Dirección Xeral de Comercio (Consellería de Economía). Con ela preténdese dar “maior visibilidade” aos establecementos que se sumaron a aposta por fomentar o comercio intelixente e a aplicación das novas tecnoloxías. Para lograr este obxectivo, púxose en marcha unha nova web (www.smartcommerce.gal) que, en palabras de Economía, “serve de plataforma para unir, dar visibilidade e potenciar aos comerciantes que melloraron os seus establecementos a través das TIC”.

PUBLICIDADE