Entregados os Premios Rosalía de Castro a Xaquín Marín, a Agrupación Ío e Twitter en galego

venres, 23 de xullo do 2021 S. P.

Este 22 de xuño celebrouse en Fene a entrega das distincións dos Premios Rosalía de Castro, concedidos pola Deputación da Coruña. Foron dar ao debuxante Xaquín Marín, á Agrupación Astronómica Ío e a plataforma Twitter en galego, que, como lembraremos, envorca esforzos en reivindicar a nosa lingua ao abeiro desta popular rede social. A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, presidiu a entrega dos galardóns e destacou o “compromiso coa lingua” dos galardoados.
No acto, no que tamén estivo presente o alcalde de Fene, Juventino Trigo, e que contou coa actuación de Xabier Díaz; María Muíño tamén salientou que esta foi “unha das convocatorias máis numerosas en canto a candidaturas e calidade e méritos destas” e lembrou que este premio naceu en 2011 co fin de “recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico e fixémolo co nome dunha das grandes da literatura universal”.
O xurado estivo composto pola técnica de normalización lingüística do concello da Coruña, Julia Rigueiro, o profesor da Universidade da Coruña, Carlos Caetano Viscaíno e, en representación dos proxectos gañadores da edición anterior, Ana Belén Costoya de Nós TV e Inmaculada Seage polo Club de Debate coa deputada de Normalización Lingüística, María Muíño, como presidenta e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre como secretaria.
Os premiados
Os Premios Rosalía de Castro, edición XII, foron dar este ano ao debuxante Xaquín Marín (categoría persoas), á Agrupación Astronómica Ío (entidades) e á iniciativa Twitter en Galego (modalidade de iniciativas de xente nova), adicada esta última a reivindicar a presenza activa da nosa lingua na coñecida rede social.
O debuxante Xaquín Marín é o gañador na categoría de persoas que destacan na promoción da lingua galega por, segundo o xurado, "o compromiso continuado no tempo, polo alcance social do seu traballo e por facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación onde a presenza do galego era residual”.
Na categoría de entidade que destaca na promoción da lingua galega a gañadora foi a Agrupación Astronomía Ío, “por impulsar a lingua galega nun ámbito tan especializado como a astronomía e sen bagaxe no noso idioma que ademais conseguen trasladar dun xeito accesible e atractivo para o público xeral”.
Finalmente, na categoría de proxecto concreto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos treitos da poboación de menor idade, nenez e mocidade, e que “atenda espazos emerxentes de uso da lingua”, a gañadora foi a iniciativa Twitter en Galego, promovida por Carlos García Vieito da que se sinala que coordina “o proceso de tradución para configurar esta plataforma social na nosa lingua e fornece un referente nas redes sociais, para o público xeral e para a mocidade en particular, facendo que cada día máis chíos sexan en galego”. Valorouse tamén que Twitter en Galego cree “terminoloxía que permite colocar a lingua galega na nova realidade dixital” e destácase o “grande impacto social con máis de 15.000 persoas usuarias coa conta configurada en galego”.
O premio está dotado con 2.100 euros por categoría.

PUBLICIDADE