Entregados os galardóns da duodécima edición de Lingua de namorar
luns, 19 de xuño do 2023
O
secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e
directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina
Pichel, participaron este 19 de xuño no acto de entrega dos premios
aos gañadores da duodécima edición de Lingua de namorar, o
certame en liña impulsado pola Xunta que promove a creación de
mensaxes de amor en galego entre a mocidade facendo un uso creativo
dos dispositivos móbiles.
García
deu os parabéns ás gañadoras e gañadores e animounas/os “a
continuar empregando o galego para relacionarse coas persoas máis
próximas e para comunicarse na rede” e lembroulles que a Xunta de
Galicia “traballa, xunto con outras entidades galegas, no Proxecto
Nós, que está destinado a fornecernos de ferramentas que nos
permitan interactuar coa tecnoloxía en galego ao mesmo nivel ca nas
linguas do mundo con maior número de falantes”.
Pola
súa parte, Pichel destacou que esta nova edición de Lingua de
namorar puxo de manifesto, unha vez máis, que Galicia ten unha
mocidade talentosa e creativa. “Un enxeño que manifestan cada vez
que teñen a ocasión de facelo, como no caso doutro certame
impulsado pola Xunta como é Xuventude Crea”, dixo.
No
acto de entrega, que tivo lugar como de costume do Pazo de San Roque,
tamén estiveron presentes membros do xurado do certame, así como
das respectivas consellerías implicadas. Ademais, os gañadores, que
puideron recitar os seus poemas aos asistentes, estiveron arroupadas
polos seus familiares e amigos.
Premios
nas categorías A e B
Na
primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) recolleu
o seu galardón a pantonesa Carla López Otero, terceiro premio pola
declaración de amor titulada Translúcidas chinas. Non
puideron asistir para recoller o segundo e o primeiro premio,
respectivamente, o coruñés Santiago Sánchez Vilarino, galardoado
pola mensaxe Distancia, e a ourensá Alba Guzmán, premiada
pola súa mensaxe Chover ten que chover.
Doutra
banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) recibiron os seus galardóns
a lalinense Eva González Blanco, primeiro premio pola mensaxe
Áncora; Clara Pérez Martínez, da Bola, segundo premio pola
composición Morriñada, e Andrea López Otero, de Pantón,
terceiro premio polo poema Entre as cinzas.
Os
dous primeiros premiados de cada unha destas categorías reciben unha
tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos
sen fíos. Ademais, recollen un lote de libros e un diploma
acreditativo do certame.
Categoría
de Instagram
Na
modalidade de Instagram, que abrangue dos 14 aos 35 anos, a mensaxe
mellor valorada na rede social entre as seis preseleccionadas polo
xurado foi #Aartedoboquerer, da ourensá Iria Cebreiros Trigo,
que recibiu tamén unha tableta, así como un lote de libros e un
diploma.
Tanto
as mensaxes gañadoras como as finalistas pode consultarse no Portal
da Lingua Galega e na páxina
web de Xuventude, así como nos Instagram de @XuventudeGalicia e
@LinguaGalega
Promover
a creatividade en galego na mocidade
Cada
ano, arredor de San Valentín, a Consellería de Cultura, Educación,
FP e Universidades, a través da Secretaría Xeral de Política
Lingüística, e a Consellería de Política e Xuventude, a través
da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado,
convocan este certame que promove o uso do galego ao tempo que
permite amosar o talento literario e a creatividade da mocidade
arredor do amor e das relacións persoais.