Entregados os premios do certame en liña Lingua de namorar

luns, 9 de xullo do 2012 Raquel Noya

O concurso de mensaxes de amor en galego, Lingua de namorar, convocado para animar aos mozos e mozas do país a expresar os seus sentimentos na lingua de Rosalía, vén de entregar os premios ás declaracións máis orixinais e creativas de tódalas recibidas, para o que se contou cos votos da comunidade internauta tanto de aquí como de fóra dos nosos lindes.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, foron os encargados de entregarlle os galardóns aos primeiros clasificados, que consistiron en material tecnolóxico e diplomas acreditativos para as dúas categorías establecidas.
As mozas e mozos participantes, de entre 14 e 35 anos, tan so podían usar 350 caracteres nas súas mensaxes, algo que non supuxo unha traba para a creatividade e o uso correcto do idioma nos textos recibidos pola organización.
Así na categoría A, de 14 a 19 anos, resultaron gañadores, co primeiro premio, Christian García Sandamil, da Pastoriza (Lugo), coa mensaxe Non cho penso repetir, que lle valeu un netbook; co segundo premio, Ángel Manuel Torres Ferradás, de Bueu (Pontevedra), coa mensaxe Beizos que percorren, que levou unha Nintendo Wii; e co terceiro premio, Paula Lourido Santiago, de Soutomaior (Pontevedra), que recibiu unha cámara fotográfica dixital pola súa mensaxe Quérote.
Por outra banda na categoría B, de 20 a 35 anos, as premiadas foron, nesta orde, Paula Leticia Martínez Regal, de Viveiro (Lugo), coa mensaxe Desde; Paula Rodríguez Fraga, da Coruña, coa mensaxe Elaeu; e María Beatriz Fernández Vázquez, de Abegondo (A Coruña), coa mensaxe Sábesme, que recibiron respectivamente un iPad, un libro electrónico cunha selección de títulos en galego e unha cámara fotográfica dixital.
O concurso, convocado por primeira vez no noso país, tiña unha dobre intencionalidade, pois por unha banda trataba de aumentar a presenza da lingua galega na Rede aproveitando as vantaxes da web 2.0 para a participación cidadá, e pola outra trataba de “estimular a interactuación en galego da xente nova”, tal e como explicou Vázquez Abad na súa intervención.
Segundo informa a organización, durante as cinco semanas que estivo aberto o concurso Lingua de namorar, “participaron preto dun milleiro de mozos e mozas, entre os usuarios que enviaron as mensaxes e os votantes, que formalizaron máis de 1800 votacións”.
Todas as mensaxes que participaron en Lingua de namorar pódense ler na páxina web oficial do concurso e tamén na páxina do evento en Facebook, dende onde tamén se podía votar.

Entrega de premios do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar

PUBLICIDADE