Entréganse en Santiago os Premios Youtubeiras edición 2023

luns, 19 de febreiro do 2024 S. P.

O certame audiovisual Youtubeiras celebrou este sábado 17 e febreiro no Teatro Principal de Santiago a gala de entrega dos seus premios. OU ké! fíxose co Premio Canle, mentres que Recuncho Gamer levou o Premio Youtubeira, O Faiado Podcast gañou na categoría de Youtubeira Revelación e Unha fin de semana en Londres, de Todomalva Gz, impúxose no Premio Vídeo. O galardón á Calidade Lingüística acadouno Olaxonmario, mentres que o Premio Pioneiro foi para FicaCoaBola. O Premio Rede distinguiu Youtube en Galego e o Premio do Público acadouno Savia Nova.
O acto, conducido por Nuria Vil e Gabri Fuentes, contou coa actuación de Mondra. A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e a coordinadora de Youtubeiras, Carme Pereiro, interviñeron durante a gala en representación da organización.
Como lembraremos, Youtubeiras é un proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
Ao longo da noite deste sábado, Youtubeiras entregou os oito galardóns nos que se divide o certame, todos eles acompañados cunha dotación económica de mil euros, agás o premio do público, que conta con 500 euros. O xurado desta edición estivo conformado por Nee Barros, quen levou o Premio Youtubeira na edición anterior e que se define como “divulgadore cultural, escritore e youtubeire”; Fátima Souto Muñiz, ex-bolseira do Servizo de Normalización do Concello de Ames; Irene Pin, creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista musical e membro de equipos de comunicación de festivais e artistas, e Belén Puime, creadora de contido audiovisual a través do perfil @pringadas.serie tanto en TikTok como en Instagram. Este xurado decidiu, segundo se recolle na acta das súas deliberacións, o seguinte palmarés:

O galardón a Recuncho Gamer

O Premio Canle recoñeceu este ano a OU ké! O xurado escolleu a esta canle pola “súa profesionalidade, a súa calidade técnica e o seu coidado na estética”, así como polo seu “impacto”, pola súa “integración entre os medios de comunicación” e “pola súa pluralidade de voces”.
O Premio Youtubeira foi para Recuncho Gamer. O xurado salientou a súa ampla “actividade en todas as redes”, a súa “orixinalidade” e a súa vontade de “incorporar referentes doutros ámbitos no mundo dos videoxogos para lle dar maior visibilidade”.
O Premio Youtubeira Revelacion recaeu en O faiado Podcast. O xurado puxo en valor a súa capacidade parar “xerar espazo para a cultura pop en galego” e “chegar ás xeracións máis novas”. Tamén subliñou a súa aposta por “crear un universo transmedia con presenza nas tres redes empregadas pola mocidade (Instagram, TikTok e YouTube)”.
O Premio Vídeo distinguiu a peza Unha fin de semana en Londres, da canle Todomalva Gz. O xurado destacou a súa capacidade para “transmitir tanta intimidade nun vídeo”, así como a súa “orixinalidade no formato e a construción do relato”.
O Premio Calidade Lingüística levouno Olaxonmario. O xurado recoñece na acta a súa “capacidade de difusión” e a súa “conexión coa lusofonía. Tamén valora “o coidado da lingua” e “a conservación dos trazos dialectais”.
O Premio Pioneiro distinguiu a FicaCoaBola. O xurado gabou a “entrega e dedicación” desta canle para “xerar contidos e crear comunidade” ao redor da actualidade deportiva local.
O Premio Rede foi para Youtube en Galego por ser, a ollos do xurado, “unha canle feita para dar a coñecer e fortalecer as relacións entre persoas creadoras”. Nese senso, o xurado enxalzou o seu traballo anovador ao impulsar “un tecido asociativo arredor do Youtube en galego”.
Por último, o Premio do público acadouno Savia nova. O xurado decidiu ratificar o vídeo máis votado proposto polo público: De Galicia a Namibia estudando guepardos. Na acta do xurado, “púxose en valor a calidade técnica, o impacto e a orixinalidade do tema tratado”.
Estes foron os premiados nun ano no que aspiraban 18 canles finalistas. Nesta edición, na que participaban vídeos subidos entre novembro de 2022 e novembro de 2023, presentáronse 68 canles diferentes. A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia a través das redes sociais. En cómputo xeral, todos os vídeos subidos neste período polas 68 canles concorrentes representan máis de 32.400 minutos en galego en YouTube.
Á gala asistiron diferentes representantes das institucións que conforman a organización de youtubeiras. Algúns deles, como o alcalde de Ames, Blas García, e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, subiron ao escenario para facer entrega de galardóns aos premiados. Tamén exerceron ese papel, ademais das xa amentadas Goretti Sanmartín e Soledad Agra, a concelleira de Cultura e Festas de Carballo, Maruxa Suárez Cotelo; o concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Demetrio Gómez Xunqueira; a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, e o vicerreitor de Transformación Dixital e innovación da Universidade de Santiago, Gumersindo Feijoo.
Por parte da Deputación da Coruña, tamén estivo presente a súa deputada de Cultura, Natividad González. A concelleira de Ames Escarlata Pampín acudiu á gala, como tamén diferentes membros da Corporación municipal de Santiago de Compostela. Así, dende o Goberno local, acudiron Pilar Lueiro, Xesús Domínguez, Miriam Louzao e Iago Lestegás, integrantes do grupo municipal do BNG, e Xan Duro, membro do grupo municipal de Compostela Aberta. Do Grupo municipal do PP acudiron Borja Verea e Olaya Otero. Por parte do PSdeG, estivo a edil Marta Abal.

PUBLICIDADE