As empresas Casa Grande de Xanceda e Indestia e o grupo de Investigación Sistemas Informáticos de Nueva Generación (SING) recibiron hoxe no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo os galardóns da VI edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que distingue as empresas e grupos máis innovadores de Galicia.
A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias, a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio e a concelleira de Urbanismo do Concello de Vigo, María José Caride, asistiron ao acto.
Durante a súa intervención, Fernández Tapias destacou que a innovación e a investigación son xeradoras de emprego en Galicia e reivindicou o papel da muller na ciencia. Destacou as cualidades dos premiados nesta edición e apuntou que as administración teñen a obriga de estar ao carón das empresas que apostan pola innovación.
Pola súa banda, María José Caride referiuse á importancia de premiar a transferencia de coñecemento, como fan estes premios, e destacou a ilusión que mostraron os premiados á hora de facer o seu traballo xa que considera que é un factor fundamental para conseguir que un proxecto empresarial ou de investigación teña éxito.
Manuel González, presidente da Asociación PuntoGal, indicou que a investigación en España atópase fundamentalmente en mans das universidades polo que é necesario potenciar a transferencia á sociedade. Tamén destacou a calidade das candidaturas gañadoras nesta edición dos galardóns.
A vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio, apuntou a necesidade de que os fondos Next Generation da UE poidan empregarse en Galicia para corrixir as deficiencias en materia de transferencia de tecnoloxía existentes na Comunidade Autónoma.
Empresas premiadas
Na categoría de Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi Indestia S.L, spin-off da Universidade da Coruña, pola posta en marcha e desenvolvemento de PhotoIlike, unha ferramenta baseada na intelixencia artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público e que, polo de agora, aplícase especialmente no sector inmobiliario. Neste apartado foi distinguida como finalista a empresa Diversa Technologies.
En Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao grupo SING, adscrito á Universidade de Vigo e que desenvolve o seu traballo no campus de Ourense. Conta cunha sólida traxectoria no campo da investigación biomédica e a ciberseguridade e distínguese por ter unha ampla representación de mulleres entre o seu corpo de investigadores.
“Para nós, este premio supón un recoñecemento moi importante ao labor de investigación e transferencia que estamos a facer dende o grupo fai anos. As candidaturas que se presentaron a esta convocatoria na categoría de Grupos de Investigación eran todas moi potentes, polo que ter sido galardoados supón para nós unha valía máis”, sinala Florentino Fernández-Riverola. Porén, engade, “este recoñecemento non é só para o persoal do noso grupo, senón tamén para os nosos colaboradores habituais e os centros dos que formamos parte, que son o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS), recentemente acreditado polo ISCIII”. O galardón foi recollido en nome de SING polo seu investigador Hugo López.
Por último, Casa Grande de Xanceda obtivo o galardón no apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras cunha traxectoria de prestixio Neste caso a marca conta cunha historia de case medio século no rural galego e apostou polo compromiso co medio ambiente, o coidado dos animais e a defensa de causas sociais como darlle visibilidade ao papel da muller no mundo rural. Destacouse ademais a calidade dos seus produtos, que contan cun selo ecolóxico e poden atoparse en diversos puntos da xeografía española.
Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.
Os integrantes do xurado foron as investigadoras María José Malmierca, Edita de Lorenzo, Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, o representante da Secretaría Xeral de Universidades, Faustino Infante Roura, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín. En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Mestrelab ou Innolact, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics.

