Entréganse os galardóns dos IV Premios Escolares DígochoEu
martes, 13 de maio do 2025
Máis de 500 escolares, mestres e familiares participaron esta tarde na gala de entrega dos IV Premios Escolares DígochoEu, celebrada na Cidade da Cultura e impulsada pola CRTVG coa colaboración da Xunta de Galicia. A cita, presentada por Esther Estévez e o reporteiro da TVG Óscar Cruz, reuniu centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia —e tamén doutros territorios nos que se imparte galego— nun evento que se consolidou como unha auténtica festa da lingua que será emitida pola Televisión de Galicia o Día das Letras Galegas (sábado 17 de maio, ás 12:00) e quedará dispoñible na plataforma dixital AGalega.gal.
O CEIP Sagrada Familia da Coruña e o CPI Plurilingüe O Cruce de Cerceda foron recoñecidos co premio de Ouro nas categorías de Primaria e Secundaria, respectivamente. Na primeira categoría, completaron o podio o CEIP As Bizocas do Grove (Prata) e o CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol (Bronce). En Secundaria, tamén foron premiados o IES Fontem Albei da Fonsagrada (Prata) e o IES Eduardo Pondal de Ponteceso (Bronce).
Os galardóns recoñecen a calidade lingüística, a expresividade, a orixinalidade e a innovación dos vídeos en galego elaborados polo alumnado. O xurado estivo composto pola asesora docente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, María Manuela Leis Cambeiro, e polos creadores de contido Carla Núñez e Marcos López, da canle Todo mal.
Ao acto acudiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, poñendo en valor a “implicación e ilusión” que están a amosar as novas xeracións galegas por “facer medrar e prestixiar aínda máis o noso idioma”.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, gabou a “gran calidade e orixinalidade” dos proxectos e salientou que este tipo de iniciativas permiten aos máis novos “crear e divertirse” usando o galego e o formato audiovisual, demostrando que ambas linguaxes son útiles e sen límites nin de idade nin de creatividade.
Neste contexto, López Campos cualificou o audiovisual como unha “ferramenta e aliada imprescindible” na que a Xunta está a apoiar con forza para reforzar o uso e prestixio do galego entre o alumnado. Destacou, por exemplo, a aposta pola plataforma audiovisual Xabarín, que ofrece unha ampla programación en galego dirixida á cativada, con centos de horas de música, cancións e series animadas. “Unha oferta que combina lecer, entretemento e aprendizaxe en galego, demostrando aos máis pequenos toda a diversión e calidade que pode ofrecer a nosa lingua”, subliñou.
O conselleiro enmarcou estas accións no medio cento de medidas impulsadas este ano para fomentar o uso do galego. Entre elas, salientou as iniciativas orientadas a aproveitar as tecnoloxías e os espazos dixitais frecuentados pola mocidade, co obxectivo de dinamizar o idioma neste segmento da poboación e poñer en valor a súa utilidade.
Nesa liña, indicou que, ademais de continuar co desenvolvemento do Proxecto Nós para promover o galego no ámbito da IA, tamén se está a traballar na creación de novos produtos tecnolóxicos orientados á infancia e á mocidade, así como na colaboración con creadores de contido que contribúan a fortalecer os vínculos entre o galego e as xeracións máis novas.