Enxeñaría Sen Fronteiras lanza servizo de vídeo-conferencia libre

martes, 26 de maio do 2020 S. P.

Enxeñaría Sen Fronteiras Galicia vén de poñernos ao tanto dunha nova ferramenta coa que incrementar as nosas opcións de facer vídeo-conferencias e co engadido extra de facelo con recursos “libres, seguros e responsábeis”. Trátase dun servizo alternativo aos que achegan as grandes multinacionais (Zoon, Skype, Hangouts), baseado no software libre Jitsi Meet, e que, segundo informa a dita organización humanitaria, “preséntase como unha opción necesaria polo forte auxe das comunicacións online durante os últimos meses e as dúbidas xurdidas ao redor de aplicacións como Zoom”.
A ferramenta posta a disposición dos usuarios por Enxeñaría sen Fronteiras está xa dispoñíbel para o uso de colectivos sociais ou asociacións, ou tamén de particulares que necesiten comunicarse a distancia ou por motivos do actual confinamento.
O acceso á ferramenta realízase a través dunha ligazón específica de Meet dende calquera navegador. En dispositivos móbiles, é posíbel ademais acceder desde a aplicación móbil tamén podemos descargar na Rede ou nos acubillos dispoñibeis para Android ou iOS.
O obxectivo de Enxeñaría Sen Fronteiras é “proporcionar un servidor seguro para a realización de reunións, charlas e conferencias, que supoña unha alternativa aos servizos de grandes empresas nos que nos que os nosos datos son tratados como mercadoría e utilizados para o beneficio económico”. Para alcanzar estes obxectivos fixeron “unha aposta por tecnoloxías e comunicacións libres”, así como pola descentralización de servizos, continuando a nosa aposta pola soberanía tecnolóxica.
A ferramenta baséase no software Jitsi Meet e parte dun ecosistema de aplicacións de vídeo-conferencia baixo a licenza libre Apache 2.0. Isto implica que o software pode usarse para calquera propósito, distribuírse, modificarse, e distribuír as versións modificadas.

PUBLICIDADE