Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo celebrou o 8M reivindicando as TIC feitas por mulleres

luns, 9 de marzo do 2026 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación adiantou a este venres 6 de marzo a celebración do Día Internacional das Nenas nas TIC (8M) e fíxoo coa celebración da xornada Elas FanTIC, unha actividade patrocinada polo Cátedra Indra-UVigo en enxeñaría e tecnoloxía que trouxo ata a escola medio cento de escolares de ensino primario.
Ao longo da mañá tiveron a oportunidade de achegarse, da man das propias alumnas da escola, ao mundo da programación e a robótica de xeito ameno, divertido e totalmente adaptado ás súas idades.
Procedentes dos colexios vigueses CEIP Plurilingüe Sobreira-Valadares e CEIP Fonte Escura, as xornadas incluíron un taller de robótica con CuteBot e outro de códigos relacionados coa telecomunicación impartidos por unha ducia de alumnas da propia EET, “outro xeito de visibilizar as mulleres no ámbito da enxeñaría, de maneira que este alumnado, dos últimos cursos de primaria, poidan ter referentes femininas o máis cedo posible”, explica a directora da escola, Rebeca P. Díaz.
Coordinada pola profesora Soledad Torres, enlace de Igualdade da escola, esta xornada foi dirixida a alentar as mulleres, desde nenas, a considerar a posibilidade de orientar os seus estudos e profesións ao eido das carreiras tecnolóxicas, “unha cuestión de elevada importancia se se ten en conta que a previsión é que no ano 2050 o 75% dos traballos estea relacionado coas áreas STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) e que, ao ritmo actual, non se logrará alcanzar a paridade de xénero neste ámbito ata arredor do ano 2100”, informaron as participantes.