Enxeñaría de Telecomunicación pon en marcha un plan piloto para facer canteira
mércores, 2 de outubro do 2024
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación suma este curso unha nova iniciativa coa que achegarse ás mozas e mozos de ensino medio que en breve terán que elixir estudos. Trátase da experiencia piloto InformaTE, un programa dirixido a facilitarlle a estes estudantes, ás súas familias e orientadores dos centros de ensino secundario a comunicación directa coa escola.
“Queremos que reciban información de primeira man do profesorado, do noso alumando o e do persoal dalgunhas das principais empresas do sector das telecomunicacións”, recalca a directora, Rebeca P. Díaz, engadindo que o obxectivo é pórse a disposición destes estudantes para axudarlles a resolver de xeito directo todas as dúbidas que lles xurdan con respecto aos estudos que se imparten na escola e as súas saídas profesionais.
Enmarcado dentro do Plan de Acción Titorial, o programa contempla atención presencial ou telemática (mediante vídeo-conferencias) con quen considere mellor a persoa ou familia solicitante, ben algunha empresa do sector das Telecomunicacións que os axude a coñecer as oportunidades profesionais que terán no futuro, ben con docentes do centro que os informen con máis detalle sobre o programa de estudos ou, se así o prefiren, con estudantes actuais cos que obter unha información máis próxima a elas e eles xeracionalmente.
Neste primeiro ano de posta en marcha do programa, forman parte do equipo InformaTe, algunhas das principais empresas e centros tecnolóxicos do sector que colaboran de xeito habitual coa escola: Optare Solutions, Indra, Gradiant, Quobis, CTAG, atlanTTic, Gradiant, Borgwarner, Televes e R. A eles súmanse sete docentes do centro, entre eles a actual directora, Rebeca P. Díaz, e o seu predecesor no cargo Íñigo Cuiñas, xunto con Felipe Gil, Manuel Caeiro, Óscar Rubiños, Soledad Torres e Enrique Costa. Completan este equipo dous estudantes do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación: David Sueiro e Anxo Gesto.