Epic Games denuncia a Google e Samsung por dificultar a instalación da súa tenda de aplicacións
luns, 30 de setembro do 2024
- Epic detalla como instalar a súa tenda de aplicación pode levar até un total de 21 pasos
No mes de agosto Epic Games estreou tenda de aplicacións para móbiles en iOS (en Europea) e en Android, destacando o feito de que o mes anterior retirara Fortnite da Samsung Galaxy Store como protesta ao novo Bloqueador Automático dos móbiles da compañía surcoreana, que dificulta a instalación de aplicacións de fontes descoñecidas.
Agora Epic Games leva esta protesta un paso máis alá, e presenta unha denuncia contra Google e Samsung, polo que considera que son esforzos coordinados para bloquear a distribución de aplicacións alleas ás tendas de Google e Samsung nos dispositivos de Samsung.
Aínda que o Bloqueador Automático é unha funcionalidade introducida nos móbiles de Samsung dende hai preto dun ano, era unha función opcional, pero dende xullo pasa a estar activada de xeito predeterminado, colocando unha grande barreira de entrada ás aplicacións de tendas alternativas, como ben ilustran dende Epic ao detallar como instalar a tenda de Epic Games nun móbil de Samsung precisa dun total de 21 pasos, mentres que as tendas de Samsung e Google veñen preinstaladas.
Epic estaría a esixir a retirada do Bloqueador Automático como unha función activa de xeito predeterminado, aínda que non deixa de ser unha petición que vai contra a seguridade dos usuarios, polo que o equilibrio entre seguridade e competencia é difícil de conseguir.