Epic Games ofrece de balde Marvel’s Guardians of the Galaxy

xoves, 4 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A tenda de Epic Games quere atraer aos usuarios ás súas ofertas de tempada, e como reclamo emprega non só prezos agresivos e a posibilidade de gozar dun 33% de desconto adicional, senón tamén títulos de agasallo, rematando esta campaña por todo o grande, xa que até o 11 de xaneiro está a ofrecer totalmente de balde o reputado Marvel’s Guardians of the Galaxy.
Este xogo dos personaxes da Marvel desenvolvido por Eidos non conseguiu ser un grande éxito de lanzamento, pero foi conseguindo recoñecemento paulatinamente, até o punto de recibir tres galardóns nos The Game Awards de 2021 (mellor narrativa, mellor xogo de acción/aventura e mellor banda sonora).
Aínda que este título está baseado nos personaxes da banda deseñada, colle algúns detalles estéticos da súa versión cinematográfica e nesta aventura conta cunha historia totalmente orixinal, polo que é unha delicia para calquera que sexa seareiro deste curioso grupo.