Epson presenta un proxector láser de tiro curto capaz de xerar unha pantalla de até 120 polgadas

mércores, 6 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Os que queiran gozar dun televisor de moita grande tamaño no fogar sen realizar un elevadísimo investimento económico continúan a poder optar por unha tecnoloxía que cada vez ten menos peso, pero que non deixa de mellorar, a dos proxectores de vídeo, dándose agora a coñecer un novo produto de Epson, o proxector láser de tiro curto Home Cinema LS100 Full HD 3LCD. Falamos dun proxector que pode funcionar a pouca distancia da parede, evitando así a incomodidade de instalar longos cables ou as sombras que poden estragar a experiencia audiovisual, e que ofrece unha grande luminosidade (4.000 lumenes) e unha boa relación de contraste (2.500.000:1), de xeito que pode empregarse coas luces prendidas e as cortinas sen correr, ofrecendo unha pantalla Full HD de até 120 polgadas de diagonal a un prezo de menos de 3.000 dólares.
Este proxector pode empregarse comodamente con numerosos dispositivos (receptores de televisión por cable ou satélite, consolas de videoxogos ou incluso trebellos como un Chromecast ou un Apple TV), ao estar baseado en tecnoloxía láser non padece os tempos de espera no acendido e no apagado como os proxectores con lámpadas tradicionais (consegue o brillo máximo en só 5 segundos) e ao carecer da lámpada tradicional tamén consegue unha vida elevada (uns 10 anos cun uso moderado, o que serían unhas 20.000 horas).
O novo proxecto porase á venda este outono a un prezo que nos EE.UU. será de 2.999 dólares, e poderase conseguir tanto no mercado de consumo como a través de instaladores autorizados.

PUBLICIDADE